O encontro, baixo o lema ‘Garantía de dereitos e novos modelos de servizos sociais’, reúne do 26 ao 28 de novembro a máis de cen representantes das redes territoriais e entidades sociais de todo o Estado
A alcaldesa, Inés Rey, recibiu no salón de plenos do Palacio Municipalao comité organizador do seminario, reforzando o compromiso da cidade cos dereitos sociais e co diálogo co Terceiro Sector
A Coruña convértese estes días na sede do Seminario anual da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado español (EAPN-ES), que baixo o título ‘Garantía de dereitos e novos modelos de servizos sociais’ analizará os retos de mellora do sistema público de servizos sociais, a súa diversidade territorial e o papel das entidades sociais na loita contra a pobreza. O encontro está organizado por EAPN-ES en colaboración con EAPN Galicia e co apoio do Concello.
O programa celébrase entre o 26 e o 28 de novembro en diferentes espazos da cidade, como o Paraninfo da Universidade da Coruña, o Centro Cívico dos Mallos ou a Fundación Barrié, combinando sesións plenarias, paneis de debate e obradoiros de traballo. A edición deste ano reúne máis dun cento de representantes das redes territoriais de todas as comunidades autónomas e das entidades estatais que forman parte de EAPN-ES.
A inauguración tivo lugar esta tarde no Paraninfo da UDC, nun acto con intervencións de representantes de EAPN Galicia e EAPN-ES, da Xunta de Galicia, do Goberno de España e da Universidade da Coruña. No acto, o Concello está representado pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, que participa en nome da alcaldesa, Inés Rey, quen recibiu hoxe ao mediodía ao comité organizador do seminario, nun acto que tivo lugar no Salón de Sesións do Palacio Municipal de María Pita.
Xa no referente á inauguración desta tarde, a concelleira, Nereida Canosa subliñou que “é unha honra que A Coruña sexa a cidade elixida para debater sobre o futuro dos servizos sociais e sobre como garantir mellor os dereitos das persoas en situación de vulnerabilidade”.
O Seminario inclúe unha ponencia marco a cargo de Antón Costas, presidente do Consello Económico e Social de España, sobre benestar, cambios sociais e transición xusta, así como mesas de debate sobre políticas e prácticas emerxentes, o balance de cinco anos de convivencia entre o Ingreso Mínimo Vital e as rendas autonómicas e a desburocratización do benestar, poñendo a tecnoloxía ao servizo das persoas.
Entre os contidos salientables está tamén a reflexión sobre o rol do Terceiro Sector como aliado estratéxico para uns servizos públicos máis xustos e próximos, así como a posta en común de experiencias de coordinación entre administracións, entidades e redes sociais en todo o Estado. A programación compleméntase cunha asemblea xeral de EAPN-ES e con espazos de encontro informal entre as persoas participantes.
A cita chega, ademais, poucas semanas despois da presentación do XV Informe ‘O Estado da Pobreza’, elaborado por EAPN-ES, que pon de manifesto tanto o impacto positivo do Estado do benestar como a persistencia de importantes bolsas de pobreza e desigualdade territorial, tamén en Galicia, e sinala a necesidade de reforzar as axudas e prestacións autonómicas.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey apuntou que “este Seminario é unha oportunidade para seguir avanzando nun modelo de servizos sociais de proximidade, que confía no tecido asociativo, reduce trabas burocráticas e pon no centro a dignidade das persoas. Desde o Concello da Coruña queremos seguir construíndo, xunto co Terceiro Sector, unha cidade na que ninguén quede atrás”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.