Wednesday 26 de November de 2025

Clausura da Universidade Sénior por partida dobre, con entrega de diplomas e visita cultural á Coruña


Os alumnos e alumnas da Universidade Sénior en Carballo despediron o curso por partida dobre. O martes pola tarde, despois do interesantísimo relatorio sobre Educación para a saúde desde o exercicio terapéutico que impartiu a profesora da UDC Isabel Raposo Vidal, recibiron os seus diplomas. Na entrega participaron o alcalde, Daniel Pérez; a concelleira de Educación e Terceira Idade, Mar Eirís, a propia Isabel Raposo e tamén a adxunta á dirección da Universidade Sénior, Susana Iglesias, que xa anticipou que no 2026 haberá unha cuarta edición do Programa de Democratización do Coñecemento.

Daniel Pérez destacou a elevada demanda que ten este programa formativo para maiores de 50 anos promovido pola Universidade da Coruña, expresou o seu desexo de que fose de interese e de proveito para as máis de cen persoas participantes e agradeceu a estreita colaboración que veñen mantendo UDC e Concello de Carballo nos últimos anos, e que se materializa non só nesta actividade, senón tamén en moitas outras propostas.

A segunda parte da clausura realízase hoxe mesmo, coas visitas culturais á Coruña que está a realizar o alumnado da Universidade Sénior. Repartidos en dous grupos, un que viaxou pola mañá e outro que o está facendo agora pola tarde, os alumnos e alumnas están a coñecer o castro de Elviña e o Museo Arqueolóxico e Histórico, que ten a súa sede no castelo de San Antón. A concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, acompañou ás persoas participantes na quenda da mañá.

Deja un comentario