— A publicación recolle o contido co que a entidade xestionada pola Xunta percorre a traxectoria do autor, desde a súa etapa pictórica á de deseñador industrial
— Destaca o libro como “unha ferramenta, enriquecida con textos de expertos, para achegarnos ao coñecemento do gran creador que foi Díaz Pardo nos S.XX e XXI”
— A proposta, que se inaugurou o pasado 19 de xuño, poderá visitarse ata o 14 de decembro
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou hoxe, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o catálogo que recolle o contido da mostra A barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo, aberta no Museo de Belas Artes da Coruña desde o pasado 19 de xuño, coa que a Xunta se sumou á homenaxe ao ilustre persoeiro neste ano no que se lle dedicou o Día das Artes Galegas.
Neste senso, o representante do Goberno galego puxo en valor que “un traballo recompilatorio deste tipo quede plasmado nunha publicación como ferramenta de divulgación, a través da que poder achegarnos a Díaz Pardo como o gran creador que foi nos séculos XX e XXI”. Ademais, fixo fincapé en como o catálogo “enriquece o propio percorrido da exposición porque, ademais de artellarse sobre as obras exhibidas, tamén se nutre de textos de expertos que nos dan unha visión máis ampla da súa traxectoria”.
Así, o libro conta con textos de María Victoria Carballo Calero, escritora e crítica de arte e literatura; Juan Manuel Bonet, ex director do Instituto Cervantes; Xosé Luis Axeitos, académico da RAG; Ruy Farías, profesor da Universidade de Bos Aires; Lourenzo Fernández, profesor da Universidade de Santiago de Compostela; Inmaculada Real, profesora da Universidade Complutense de Madrid, e Antonio Río, profesor da Universidade da Coruña. Ademais, engade un artigo de Xosé Díaz Arias de Castro, comisario da mostra e fillo do artista, sobre as dúas pezas tituladas A Barca de Caronte.
López Campos aproveitou o acto para volver poñer en valor “este particular percorrido polo legado dun artista polifacético, desde a etapa pictórica á de deseñador industrial, pasando pola transición plástica”, puntualizando que “é unha grande oportunidade de visualizar todo o seu mundo creativo”. Neste senso, destacou o compromiso e a responsabilidade da Xunta coa “continua dilvulgación do legado das figuras máis destacadas da nosa cultura, como é neste caso Díaz Pardo, dos que nunca deixamos de aprender sobre a nosa arte, a nosa identidade e a nosa historia, e que agora reforzamos con este catálogo”.
Desde a pintura ao deseño
O título da mostra, que aínda pode visitarse ata o 14 de decembro, xorde das dúas grandes obras que Isaac realizou en distintas épocas sobre o relato mitolóxico da nave do barqueiro do inframundo. O tema, que insinúa a viaxe do pobo galego cara ao seu destino, evoca aquí o propio percorrido creativo do artista. A exposición artéllase en cinco seccións coas que se pretende amosar esa traxectoria, desde os seus inicios pictóricos e a transición da pintura á cerámica, pasando polos seus grandes proxectos como Cerámicas do Castro, o seu labor no Laboratorio de Formas xunto con con Luís Seoane ou o seu papel nos deseños de Sargadelos.
Así, tal e como lembrou o conselleiro nesta presentación, “trátase do principal proxecto expositivo do Museo de Belas Artes este ano, xurdido da colaboración institucional e coa propia familia Díaz Pardo”. A exposición reúne preto de 150 pezas, principalmente do autor homenaxeado, ás que se lle unen outras de artistas como o seu pai Camilo Díaz Baliño ou de Luís Seoane, Torrallardona, Torres Agüero, Laxeiro ou Geno Díaz. Entre elas atópanse pinturas ao óleo, debuxos e obra gráfica, xunto cunha variada selección de cerámicas e de mobiliario deseñado polo artista.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.