Saturday 16 de November de 2024

A Xunta destaca a importancia da cultura da rendición de contas e a transparencia na actividade pública para a rexeneración democrática


A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou o curso Rexeneración democrática e institucional

O curso monográfico Rexeneración democrática e institucional, que se celebra hoxe e mañá na Escola Galega de Administración Pública de Santiago (EGAP), reúne a expertos da política, a xustiza, o dereito, a filosofía e os medios de comunicación de todo o país, que coincidiron en avogar pola transparencia e a loita contra a corrupción para a rexeneración democrática e recuperar a confianza dos cidadáns nos representantes políticos e nas institucións públicas.

No acto de inauguración, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, sinalou que “vivimos nuns tempos complexos, dunha profunda crise económica e de desafección cidadá cara ás institucións e os representantes políticos, propiciada polos numerosos casos de corrupción que sacudiron os cimentos da clase política do país nos últimos anos”. Nesta liña, apuntou que para a rexeneración democrática “é necesario fortalecer a cultura da rendición de contas e a transparencia na actividade pública para combater a corrupción, un dos motivos da desconfianza da cidadanía nos políticos, nos procedementos e no funcionamento das institucións”. Destacou o Programa de impulso democrático 2015-2016 aprobado pola Xunta, no que se inclúe a Lei de Transparencia, que ten como obxectivo situar á Xunta de Galicia á cabeza de todas as administracións en materia de transparencia.

Sonia Rodríguez-Campos apuntou que “a nova Lei de Transparencia galega permite aos cidadáns xulgar con maior criterio a capacidade dos responsables públicos e decidir en consecuencia, o que permite unha maior fiscalización da actividade pública. Isto contribúe á necesaria rexeneración democrática e promove a eficiencia e eficacia do Estado”.

A directora da EGAP concluíu que é precisa unha rexeneración democrática “que dea resposta á necesidade do noso sistema de fortalecerse e proseguir no seu obxectivo que non é outro que a persecución do interese xeral, a mellor garantía das liberdades e os dereitos de todos os cidadáns e o mantemento do noso Estado do benestar”.

De seguido, o político e escritor, Joaquín Leguina, impartiu a conferencia inaugural co título Rexeneración ou estancamento. Na súa intervención, falou dos casos de mal Goberno, motivados por unha ocupación das institucións por parte dos partidos políticos, unha forma de facer política dominada por un marcado clientelismo e intereses corporativos e unha desmedida produción lexislativa. “A corrupción non é outra cousa que mal goberno. Para atacar a corrupción política é preciso que os políticos non poidan tomar certo tipo de decisións”, sentenciou Leguina. Neste sentido, engadiu que nas decisións sobre recualificacións urbanísticas, contratación de obras e servizos públicos ou concesións administrativas, os políticos deben decidir sobre o que facer, pero o como e a quen deben quedar en mans de comisións de funcionarios (CEO). Neste sentido, apuntou que a impresión que os españois teñen do comportamento dos funcionarios no exercicio das súas funcións en relación coa corrupción é, en xeral, “moi boa”.

“A crise propiciou dous fenómenos dunha perigosa gravidade: o deterioro das capas sociais medias, especialmente as asalariadas, e a aparición dos populismos. Todo isto ameaza a estabilidade constitucional e a convivencia democrática”, apuntou Joaquín Leguina.

A continuación, o Presidente do Consello de Contas de Galicia, José Antonio Redondo López, falou sobre o papel desta institución no marco da nova lei 8/2015, do 7 de agosto, e as novas competencias que asume este órgano, que este ano cumpre 25 anos. Entre elas, Redondo destacou aquelas dirixidas a loitar contra a corrupción como a de fiscalizar e controlar a actividade económica-financeira das formacións políticas que perciban subvencións da Comunidade Autónoma e a evolución dos bens patrimoniais das persoas que ocupan altos cargos no sector público autonómico.

A nova lexislación do Consello de Contas inclúe tamén o inicio de procedementos de fiscalización a través de denuncias remitidas pola cidadanía ou asociacións con personalidade xurídica co fin de fomentar a participación cidadá na prevención e na represión da corrupción. Segundo o Presidente do Consello de Contas de Galicia, esta norma “fortalece a autonomía e independencia do organismo fiscalizador externo da Comunidade galega e persegue en maior medida a prevención contra a corrupción”.

O curso monográfico continúa pola tarde coa intervención de Daniel Innerarity, catedrático de filosofía política e social na Universidade do País Vasco e director do Instituto de Gobernanza Democrática, sobre A política en tempos de indignación, título do seu último libro. Tamén terá lugar unha mesa redonda sobre O papel dos medios de comunicación na rexeneración democrática, na que participará o adxunto ao director de El Pais, Javier Ayuso; o director do ABC, Bieito Rubido, e a delegada da Axencia EFE en Galicia, Ana Martínez.

Xornada do mércores
O curso retomarase mañá mércores coa participación do catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Carlos III, Tomás de la Quadra-Salcedo, co relatorio Crise e oportunidade.

A independencia xudicial e a rexeneración democrática será o tema da intervención do xuíz da Audiencia de Pontevedra e presidente da Asociación Profesional da Maxistratura (APM), Manuel Almenar Belenguer. Por último, o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade Autónoma de Barcelona, Francesc de Carreras Serra, falará sobre Rexeneración institucional: democracia e partitocracia.