Wednesday 26 de November de 2025

O mercado municipal de Carballo entra no selecto grupo da rede de Mercados Excelentes de Galicia


O concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, recolleu este martes en Santiago o distintivo de Mercado Excelente, que identifica aquelas prazas de abastos que destacan pola súa modernidade, a innovación e a dinamización, ao tempo que manteñen a autenticidade e tradición que as caracterizan. O mercado municipal de Carballo entra deste xeito no selecto grupo da rede de Mercados Excelentes de Galicia, na que unicamente figuran os de Tomiño, Vilagarcía de Arousa e Pontedeume.

O concelleiro de Feiras e Mercados, acompañado polo alcalde, Daniel Pérez, fixo extensivo o premio aos praceiros e praceiras que desenvolven a súa actividade no mercado municipal. Aínda que xa onte lles anticipara a consecución do selo de excelencia, hoxe formalizouse esta boa nova coa colocación do emblema de Mercado Excelente na entrada principal do edificio e cunha pequena celebración.

Ramón Varela agradeceu o traballo realizado polos concesionarios dos postos para facer posible a consecución do selo de Mercado Excelente e aludiu ás oportunidades que se abren para o futuro, pero tamén á necesidade de intensificar o traballo para seguir mellorando o servizo á cidadanía. “Temos un produto inmellorable e ofrecemos un trato moi próximo coa clientela, pero sempre hai que seguir mellorando”, indicou.

A consecución do selo de Mercado Excelente permite culminar un proceso iniciado no ano 2019 coa elaboración do Estudo e diagnose para a mellora do mercado municipal, que establecía unha serie de melloras que fomos executando nos últimos anos, entre elas a adaptación do edificio aos requisitos da rede de Mercados Excelentes de Galicia, a aprobación dun novo regulamento de funcionamento e a actualización da ordenanza fiscal.

No ano 2023 foi adxudicado o servizo de xerencia, conserxería e limpeza das instalacións, habilitamos unha oficina de atención ao público, melloramos a sinalización, colocamos mobiliario nas zonas comúns, puxemos en marcha o plan de xestión de residuos e un programa de dinamización, ademais de accións de mentorización dos/as praceiros/as.

No 2024 formalizamos un novo contrato de arrendamento da cafetaría e tamén se realizaron catro novas concesións (dous postos de alimentación e outros dous exteriores), e no 2025 seguimos ampliando servizos coa creación dunha sala de lactación, a adecuación da aula de formación e tamén a mellora do espazo multiusos do primeiro andar. Tamén se renovou a imaxe exterior dos postos mediante a colocación de vinilos e instalamos estores para mellorar a distribución e reducir a pegada térmica nos alimentos.

Deja un comentario