— Esta produción de Vaca Films para Prime Video é un dos seis proxectos subvencionados pola Xunta na convocatoria de 2025 para rodaxes audiovisuais
— O vindeiro 12 de decembro estréase ‘Dimelo bajito’, tamén cofinanciada a través deste fondo para impulsar Galicia como escenario de filmes e series
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou o equipo da película Dímelo en secreto nunha das xornadas de filmación na Coruña desta produción de Vaca Films para Prime Video, que entra xa na fase final da súa gravación en Galicia. A Xunta subvenciona con 300.000 euros este proxecto a través da convocatoria de 2025 do fondo para a atracción de rodaxes á nosa Comunidade, no marco do que tamén se cofinanciou Dímelo bajito, primeira parte da triloxía baseada nas novelas homónimas de Mercedes Ron, que acaba de anunciar a súa estrea neste servizo de streaming o vindeiro 12 de decembro.
Dímelo en secreto é a segunda parte desta terna de filmes, que volve contar con Emma Lustres –a quen lle será entregada a Medalla de Ouro da Entidade de Servizos para os Produtores Audiovisuais na próxima gala dos Premios Forqué– e Borja Pena na produción executiva, con Denis Rovira na dirección e con Jaime Vaca no guión. O titular do Goberno galego, quen estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, felicitounos polo avance desta rodaxe cun equipo técnico maioritariamente galego, ao que puxo como como exemplo da gran capacidade da nosa industria audiovisual para acoller producións ao máis alto nivel e nos máis variados xéneros e formatos.
Rodaxe nas provincias da Coruña e Lugo
A filmación, que arrancou a mediados de outubro e continuará en Galicia ata a primeira semana de decembro, mobiliza un centenar de profesionais e máis de 800 figurantes. Ao igual que na primeira película da saga, os traballos veñen desenvolvéndose en distintos concellos das provincias da Coruña e Lugo, con localizacións en Bergondo, Ferrol, Monfero, Ourol ou As Pontes de García Rodríguez, ademais da cidade herculina.
Alicia Falcó, Fernando Líndez e Diego Vidales repiten como trío protagonista da segunda entrega de Dímelo, que ten prevista a súa estrea en Prime Video para o ano que vén.
Dímelo en secreto é un dos seis proxectos subvencionados ao abeiro da convocatoria de 2025 de axudas para rodaxes audiovisuais, dotada con 2,2 millóns de euros para incentivar a filmación na nosa Comunidade de longametraxes e series de ficción tanto por parte de produtoras galegas como do resto de España e Europa. Esta liña de apoio está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.