O acendido do alumeado este venres marca o inicio da proposta ‘‘Compostela, a estrela do Nadal’, cunha programación intensa, diversa e para todos os públicos, nomeadamente para público familiar.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou este mércores o programa do Nadal 2025, que cualificou coma “especialmente picheleiro”, pola súa aposta polo talento compostelán, e que dará comezo este venres 28 co acendido do alumeado.
Na rolda de prensa de presentación da programación, a alcaldesa estivo acompañada polas concelleiras de Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, e de Festas e Deportes, Pilar Lueiro, para dar conta dunha “programación intensa, diversa e para todos os públicos, nomeadamente para público familiar”.
O Concello mantén a marca propia “Compostela, a estrela do Nadal”, coa Estrela de oito puntas coñecida como a Estrela de Santiago, que este ano se presenta sobre un fondo azul máis estrelado e con máis brillo, que tamén simboliza, sinalou a alcaldesa, “o pulo que está collendo esta aposta que facemos desde o goberno para converter o Nadal na terceira festa de Santiago”.
A tenenta de alcaldesa afondou no desexo de que o Nada sexa “unha festa vivida con intensidade”, con multitude de propostas para desfrutar nas rúas de Compostela, na que destaca os “artistas locais, que mostrarán a enorme calidade das súas propostas diante dos seus veciños e veciñas”, un “motivo de orgullo desta programación”, dixo.
Este venres, ‘Compostela prende o Nadal’
Goretti Sanmartín sinalou que alén de manter a estrela de Santiago como emblema, o Nadal 2025 aposta polo talento compostelán, sobre todo na primeira gran cita: o venres 28 coa festa de acendido, organizada por segundo ano consecutivo baixo o lema ‘Compostela prende o Nadal’.
“A nosa idea é que o acendido deste ano supere todas as expectativas e que se converta nun vibrante escaparate do talento local e da vida artística da cidade e do Concello”, dixo. Chamou así a toda a veciñanza a participe nesta celebración, que terá lugar na praza do Obradoiro ás 19.00 horas coa actuación de artistas de Pistacatro, compañía que vén de ser recoñecida co Premio Nacional de Circo 2025.
Previamente, dende as 18.30 horas, dúas comitivas partirán da Carreira do Conde e da Porta do Camiño, acompañadas dos grupos Agrupación Folcklórica Colexiata do Sar e Enxebres de San Lázaro, para percorrer as rúas da cidade con parada no Toural e Cervantes, co prendido das dúas instalacións luminosas destas dúas prazas.
Tamén nese preludio, Circo Mestura con Rebeca Santos e Raquel Dávila achegarán a disciplina da lolipop (aro sobre barra de pole dance) para abrir a porta á conta atrás.
Á chegada das comitivas ao Obradoiro, a compañía Pistacatro amosará un extracto do seu espectáculo de malabares ‘Sen patrón’: “Pablo Reboleiro, Aitor Garuz, Santi Montero e Guillermo Porta farán voar a luz e a destreza aos malabares como preludio ao momento exacto en que prendamos e pousemos ‘a luz do Nadal’ na praza central da cidade”, detallou a rexedora.
Tamén formarán parte do espectáculo de acendido as artistas circences e profesionais da arte do movemento da compañía Duelirium, que deseñaron de xeito exclusivo un sexa sorpresa. “Neste espectáculo participarán as bailarinas Raquel Oitavén, Merce Solé e Paula Quintas co acompañamento vocal e musical de Mónica de Nut. E ata aquí podo contar”, indicou a alcaldesa, quen recomendou “a todas as persoas que asistan que se fixen ben nas alturas, porque o talento artístico compostelán é de altura e, nalgúns momentos concretos do espectáculo, vai estar situado literalmente nas alturas”.
A iluminación
Pilar Lueiro lembrou que a iluminación deste Nadal en Compostela inclúe 2.935 metros de corredores luminosos en rúas, 290 arcos luminosos, 296 motivos colocados en farolas, 6 carteis e 8 elementos singulares. Tamén contempla a colocación dos dous paraugas de grilandas nas prazas do Toural e de Cervantes, dúas cortinas de luz en fachadas, e a iluminación artística do Pazo de Raxoi e a árbore transitable de 20 metros de altura na praza do Obradoiro. Igualmente inclúe a instalación da iluminación da praza das Praterías e do edificio do antigo Concello en Cervantes, cadansúa instalación na praza Roxa e na praza de Galicia, a iluminación de 125 árbores, de dúas rotondas e da contorna do Belén de Conxo, dúas árbores tridimensionais de 5 metros e 4 conxuntos de figuras tridimensionais terrestres, ademais dos elementos singulares en 23 parroquias.
“Fóra do contrato, tamén cabe mencionar o esforzo que de iluminación que fai a praza de Abastos e a iluminación especial que se fai desde o departamento de Turismo do Paseo da Ferradura e da praza da Quintana que, un ano máis, apostarán por motivos relacionados coa noite e as estrelas, tendo a estrela de Santiago como protagonista”, sinalou a concelleira de Festas.
Todas estes elementos activaranse o venres 28 de novembro, marcando o inicio da programación festiva do Nadal, que irá incrementando intensidade ao longo de todo decembro, sobre todo con actividade diaria a partir do venres 19 de decembro.
Xardín dos xogos do Obradoiro
O mesmo venres 28 abrirá o xardín dos xogos do Obradoiro, que este ano medra en altura e inclúe novos elementos deseñados para promover a imaxinación e incentivar o xogo libre e espontáneo. Sanmartín agradeceu ao departamento de Parques e Xardíns tanto o deseño e a construción deste xardín “con todo o mimo e coidado”, coma o coidade de parte das árbores ao longo do ano Nadal, a conciencia medioambiental nesta programación.
A alcaldesa avanzou que en liña con esta concienciación sobre o magnífico patrimonio natural que ten Santiago, este ano o xardín das oito puntas vai incluír árbores naturais que xa están na rúa. Vólvense instalar árbores de viveiro na Cruz de San Pedro e na praza Aurelio Aguirre de Conxo, mentres que para os demais emprazamentos utilizaranse árbores xa existentes: nos barrios das Fontiñas, Santa Marta (quedou plantado o do ano pasado diante do CSC), San Lázaro, Vista Alegre, Sar e Castiñeiriño.
Apoio ao pequeno comercio
María Rozas apuntou que “a época de Nadal é moi importante para o pequeno comercio, pero é tamén o momento no que máis se percibe a competencia das grandes superficies e da venda online”, polo que a concellería de Promoción Económica busca facer fronte a esta situación “achegando a xente aos establecementos e propoñendo actividades atractivas para que os composteláns e compostelás de todas as idades saian á rúa e aproveiten para facer as súas compras”. Entre outras, accións, coas dúas carpas instaladas na Praza Roxa e na Alameda.
“O obxectivo é incentivar as compras no comercio local, e levaremos a ruleta de agasallos ‘Eu Merco Aquí’ tanto á Praza Roxa como á Alameda, coa que repartiremos regalos entre todas as persoas que se acheguen cun tícket de compra no comercio local”, detallo a responsable municipal de Comercio. Este ano decidimos increméntase ademais a cifra de agasallos.
A Carpa Roxa e a Carpa da Alameda
A Carpa Roxa estará aberta desde o 5 de decembro e acollerá ao longo de todo o mes máis de trinta actividades diferentes e obradoiros para todos os públicos. Moitas destas actividades están relacionadas coa música. Volverá o ciclo “Son Xove”, con actuacións das bandas do Centro Xove nas tardiñas dos venres e os sábados, as ‘sesións vermú’.
“A esas propostas, que funcionaron moi ben anos anteriores, engadimos unha iniciativa novidosa este ano na Carpa Roxa: os “Eh! Domingo!”, que se desenvolverá nas tardes do domingo”, avanzou a concelleira. Nela se encadran actividades como “a discoteca de señoras e señores de Marta Alonso e Camille”; a actuación de Eva e Camilo; ou os Bingos Musicais co Colectivo do Flow, un proxecto de improvisación formado por sete actores e actrices de Compostela.
A Carpa da Alameda estará instalada desde o 19 de decembro, coincidindo co inicio das vacacións escolares, e con actividades máis específicas para os nenos e nenas. Nela instalarase a pista de xeo ecolóxica.
Mercado de Nadal
Estase instalando xa o Mercado de Nadal de Carreira do Conde, que estará aberto desde o venres ata o 5 de xaneiro, e ao que se sumará o Mercado de Nadal de Área Central, do 20 de decembro ao 5 de xaneiro. María Rozas indicou que participan en total case 90 expositores de sectores diferentes como a alimentación, a decoración, os xogos, bixutería e xoiaría, coiro, ilustración, produtos téxtiles, cosmética, ou produtos solidarios.
“Quero destacar tamén o espazo infantil co que conta o Mercado de Nadal de Carreira do Conde, no que haberá preto de 40 obradoiros para os nenos e nenas máis pequenas, ata os catro anos”, engadiu.
Ademais, nos diferentes equipamentos da rede municipal de centros socioculturais suman 75 actividades diferentes, tanto nos centros do rural como nos da zona urbana e na Casa das Máquinas.
Haberá obradoiros específicos para o público infantil, de temáticas como a cociña ou elaboración de monicreques; outros serán para participar en familia, e outros obradoiros serán específicamente para o público adulto, centrados en cuestións como a cociña de petiscos de Nadal ou a elaboración de centros de mesa ou velas.
Das propostas específicas da Casa das Máquinas, quero destacar os obradoiros de Circo con CircoNove, a partir do 22 de decembro. Outra vez, insisto, poñendo en valor o talento local, e tamén poñendo en valor ese espazo marabilloso que gañamos para a veciñanza.
“Como vedes, é unha programación amplísima, imos ter moitísimo que facer ao longo de todo o mes en Santiago, e creo que será imposible non atopar algunha proposta que sexa do noso interese”, concluíu María Rozas, e convidou a veciños e veciñas a revisar ben o programa non perderse nada deste Nadal.
Carreira de San Silvestre
A concelleira de Deportes referíuse tamén á celebración da carreira San Silvestre, “a gran quedada atlética da veciñanza compostelá e unha das competicións deportivas máis divertidas do ano”. Despois de que o ano pasado se inscribiran máis de 2.200 persoas, o obxectivo este ano é superar esta cifra. O Concello anunciará proximamente a apertura do prazo de inscricións, polo que Pilar Lueiro aproveitou para “animar a todo o mundo a que se anote e saia á rúa con espírito deportivo e festivo ese día”. A saída será ás 17.00 horas do día 31 dende a na praza do Obradoiro.
Festa de Fin de Ano
A Festa de Fin de Ano volverá repetir esquema despois do éxito do ano pasado: o Concello volve apostar por unha actuación musical a pé de rúa a cargo da charanga Mecánica Rolling Band, coas badaladas no Obradoiro e para recibir o 2026 bailando e cantando no corazón de Compostela.
Outros puntos de interese
O programa de Nadal deste ano mantén os principais puntos de encontro dos últimos anos. Repetirase a quedada aberta ‘Estrelas e Desexos’ o día 30 de decembro no entorno do palco da Alameda, que este ano estará amenizada pola Orquestra de Malabares de Pistacatro.
A Festa do Apego terá lugar o sábado 27 no Auditorio e, así mesmo, o programa mantén tradicións como a ruada do Apalpador e a tradicional Cabalgata de Reis. Haberá tamén animación na rúa.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.