Inés Rey animou ao tecido TIC da cidade a sumarse ás sinerxías e ás oportunidades dun investimento de máis de 5 millóns de euros presentado onte na Cidade das TIC
A Cidade das TIC foi o marco escollido onte polo Concello para lanzar o proxecto Allocate, un investimento de 5,5 millóns de euros que conta con 4,4 millóns da iniciativa urbana europea e que a alcaldesa, Inés Rey, lles presentou hoxe aos socios que forman parte do proxecto e tamén ao tecido TIC da cidade, reunido na presentación e nas sesións técnicas posteriores, nas que se explicaron polo miúdo os detalles do plan.
“Allocate busca darlle un pulo ao desenvolvemento dende o local da Intelixencia Artificial, un pulo en consonancia cos valores que defendemos. Cremos que é posible o desenvolvemento dunha intelixencia artificial verde e ética, unha intelixencia artificial que poidamos desenvolver dende o local e que sirva para lle dar servizo á cidadanía e para impulsar o público a través de novas iniciativas”, indicou Rey.
A rexedora estivo acompañada durante a presentación polos representantes das entidades e empresas que baixo o liderado do Concello forman parte, como socios, de Allocate. O Clúster TIC, a UDC, Altia e a consultora Khora, representados respectivamente por Antonio Rodríguez del Corral, Jerónimo Puertas, Ramón Costa e Pablo Macías. Ao acto asistiron tamén responsables das cidades europeas que tamén forman parte do proxecto para a transferencia do coñecemento, Reggio Emilia (Italia), Viana do Castelo (Portugal) e Heidelberg (Alemaña), cidades que tamén poderán aplicar os resultados dos traballos desenvolvidos na Coruña.
“Este proxecto permitirá ofrecer potentes medios propios de computación para poñer ao servizo do tecido TIC local, e permitirá tamén o desenvolvemento de novas solucións en asuntos como a mobilidade e a xestión de residuos a través da xestión de datos aportados dende a Administración local”, indicou a alcaldesa.
Allocate permitirá a implantación de material tecnolóxico para facilitar a xestión de grandes datos que precisa o desenvolvemento da IA. Ademais, o programa ofrecerá formación e, a través do Concello, facilitaráselles o acceso ás empresas a grandes bases de datos que permitan implantar sistemas de mellora na mobilidade e na xestión de residuos mediante aplicacións que poderán ser creadas por compañías locais, unhas ferramentas que poderán ser exportables a outras cidades para contribuír a mellorar os servizos públicos.
A implantación da intelixencia artificial levarase a cabo aplicando os códigos éticos e a perspectiva de coidado medioambiental que forman tamén parte do proxecto, que buscará, entre outras cousas, minimizar os grandes consumos enerxéticos que en xeral leva aparellada a IA.
“O que hoxe empezamos a desenvolver aquí busca ser vangarda a nivel internacional, achegando capacidades de xestión novas e adaptables que poidan empregar tamén outras cidades atendendo ás súas necesidades específicas”, indicou Rey.
No acto participaron tamén o director da AESIA, Ignasi Belda, e o director xeral da AMTEGA, Julián Cerviño, Rey agradeceu a súa presenza e implicación nun proxecto que, recordou, servirá para fornecer o papel da Coruña como capital tecnolóxica de Galicia, non só porque na cidade e a súa contorna están establecidas case a metade das empresas TIC galegas, senón tamén porque con recursos como a Cidade das TIC e a propia AESIA, A Coruña é xa un referente cun amplo potencial de crecemento.
Logo da presentación do proxecto realizouse unha mesa técnica cos socios á que asistiron como relatores o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, o presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez, a especialista en IA da UDC Berta Guijarro e o representante da consultora Khora, Daniel Ayala.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.