A alcaldesa participou na presentación do libro ‘Bebeto. El hombre que acunó el gol’
A alcaldesa, Inés Rey, participou este mércores na presentación do libro ‘Bebeto. El hombre que acunó el gol’, que se celebrou na Área 1906 do estadio municipal de Riazor. A rexedora estivo acompañada por José Roberto Gaba de Oliveira, Bebeto, e o autor da súa biografía autorizada, o xornalista coruñés e presidente da Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (Agaxorde), Alexandre Centeno.
“Bebeto non foi só un xogador, foi un símbolo e con el Riazor converteuse no noso Maracaná”, indicou a alcaldesa durante a súa intervención. Nesta biografía autorizada reconstrúese a vida dun xogador que cambiou a historia do Deportivo e foi un dos xogadores máis importantes da selección brasileira nos anos 90. O texto conta con testemuñas de grandes referentes futbolísticos, como Romário, Zico ou Dunga e de compañeiros daquel Súper Dépor, como Fran, Donato ou Mauro Silva, que é o autor do epílogo. A alcaldesa, Inés Rey, asina o prólogo do libro, destacando a importancia que tivo Bebeto para a cidade da Coruña.
“Para mín é máis ca unha biografía, pois conto todo, non me gardo nada”, sinalou Bebeto. A alcaldesa destacou os grandes números do dianteiro na súa etapa no Deportivo, que “puxeron á cidade e ao club no mapa do fútbol mundial”. Tamén tivo un recordo para Arsenio Iglesias, figura clave durante o período de Bebeto na Coruña. “Hoxe, 30 anos despois, seguimos sentindo aquela emoción. Seguimos sendo un pouco brasileiros cando lembramos os seus goles, cando evocamos aquel xesto no Mundial do 94, abaneando os brazos para celebrar o nacemento do seu fillo Mattheus”, indicou Rey.
Acto de acendido das luces de Nadal
A alcaldesa tamén lembrou que este venres, ás 19.00 horas, Bebeto será o protagonista do acendido das luces de Nadal, nun acto público e aberto á cidadanía que terá lugar na praza de María Pita, coincidindo coa apertura do mercado de nadal. Rey invitou á cidadanía a asistir e gozar do inicio das celebracións na cidade.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.