— O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para que as persoas titulares de predios de substitución na zona de reestruturación das fincas agrarias da parroquia de Fisteus colaboren na restauración de corredores ecolóxicos nos bordos de camiños agrícolas de nova execución plantando árbores ou arbustos autóctonos
— O prazo de inscrición está aberto ata o 15 de decembro e os traballos de plantado desenvolveranse nos próximos meses coa obriga de manter as especies vexetais durante un período de cinco anos
— A Liga das Sebes outorgará un recoñecemento -un distintivo simbólico sen contido económico- ás accións máis destacadas como exemplo de boas prácticas tanto no eido ambiental como no paisaxístico
— Entre este mes e o que vén estase a desenvolver unha campaña de sensibilización dirixida á poboación local co fin de explicar os beneficios da restauración de sebes vivas, as bases do concurso e as actuacións previstas nos vindeiros meses
A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo para que as persoas titulares de predios de substitución na zona de concentración ou reestruturación parcelaria (ZCP) de Fisteus -a parroquia de maior tamaño do concello coruñés de Curtis- poidan inscribirse e colaborar na restauración de corredores ecolóxicos nos bordos de camiños agrícolas de nova execución mediante o plantado de sebes vexetais con especies autóctonas. As persoas anotadas que resulten seleccionadas participarán no concurso A Liga das Sebes co fin de crear elementos que favorezan a conectividade e permitan avanzar no coidado e protección da contorna natural e paisaxística.
Esta boa práctica é unha das dúas que se van replicar ao abeiro do proxecto piloto Infraestrutura verde na paisaxe (Green InfrasTREEcture in the Landscape), acción promovida polo Executivo galego ao abeiro do proxecto europeo Infraestrutura Verde para Bosques e Árbores (GIFT, polas súas siglas en inglés). A iniciativa suporá a entrega de plantas autóctonas, materiais de apoio, asesoramento e sinalización interpretativa aos candidatos seleccionados para o desenvolvemento das actividades.
A información sobre esta convocatoria sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e as persoas interesadas poden inscribirse ata o vindeiro 15 de decembro. O responsable da selección dos participantes será o Instituto de Estudos do Territorio (IET) -dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que lidera o proxecto GIFT- e poderá contar co apoio da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, que colabora nesta acción.
No marco desta convocatoria, a Xunta comprométese a entregar aos participantes que o soliciten e resulten seleccionados plantas autóctonas (árbores e arbustos), estacas ou proteccións básicas (se fose preciso) e asesoramento técnico individualizado co fin de poñer en marcha actuacións baseadas na boa práctica Árbores para todos, promovida polo Goberno provincial de Fryslân (Países Baixos) -membro do GIFT-, que tamén ofrecerá asesoramento a Galicia no desenvolvemento desta iniciativa.
Os seleccionados, pola súa parte, comprométense a participar nas xornadas de formación que se organicen e a recibir o material vexetal asignado, a plantar e manter as sebes durante un período mínimo de cinco anos desde a entrega das árbores ou arbustos -empregando unicamente as especies subministradas no marco desta actividade-, a facilitar o seguimento técnico por parte da organización e/ou unidade administrativa responsable e a compartir imaxes e descricións das súas intervencións. Estas imaxes e descricións deben conter información mínima como localización xeográfica (lonxitude, latitude), data e hora das capturas, información sobre os predios de substitución e identificación das árbores e/ou arbustos.
O plantado realizarase de acordo cun calendario que será facilitado ás persoas seleccionadas, que terán a obriga de manter as plantacións e coidalas durante eses cinco anos, nos que o equipo técnico da iniciativa realizará visitas periódicas para verificar a súa correcta execución e evolución.
Recoñecemento
Entre todas as persoas participantes, valoraranse os resultados das boas prácticas na conservación e coidado das sebes e, antes de finalizar agosto de 2026, outorgarase un recoñecemento ás máis destacadas como exemplos de boas prácticas ambientais e paisaxísticas. Para conceder estes galardóns teranse en conta aspectos como o valor estético, a integración paisaxística, a diversidade das especies, a funcionalidade e conectividade ecolóxica, o deseño ou a xestión creativa e consistirán na entrega dun distintivo simbólico que non terá contido económico.
Precisamente, co fin de informar sobre este proxecto piloto, entre este mes e o que vén estase a desenvolver unha campaña de sensibilización, a cargo do Grupo Naturalista Habitat na que colaboran a Consellería do Medio Rural e o Concello de Curtis, co triplo obxectivo de explicar á poboación local (escolares, titulares de predios de substitución e veciñanza) os beneficios que se obterán restaurando sebes vivas, as bases do concurso A Liga das Sebes e as actuacións previstas para os próximos meses.
As primeiras accións de divulgación, baixo o título As sebes que dan vida, desenvolvéronse no CEIP de Teixeiro e no IES de Curtis e posteriormente, o pasado luns, celebráronse tres reunións veciñais en distintos puntos da parroquia de Fisteus -nos locais sociais de Xabriño, A Illana e O Igrexario- para implicar á comunidade na recuperación e conservación de sebes autóctonas, un elemento clave da paisaxe agraria tradicional galega.
Esta iniciativa para a creación de corredores ecolóxicos é unha das dúas boas prácticas -xunto á instalación de caixas de madeira con manto en zonas forestais para simular os hábitats que se forman nos ocos das árbores vellas e mellorar así a biodiversidade- que se van replicar en Galicia ao abeiro do proxecto piloto Infraestrutura verde na paisaxe, aprobado no marco da convocatoria de actividades do programa Interreg Europe-Feder.
Segunda boa práctica
A segunda das accións que se vai replicar en Galicia, presentada polos socios suecos do GIFT, está xa a executarse e chegará a tres localizacións con características naturais e ambientais moi diferentes. Unha delas será unha zona afectada por incendios forestais do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, a segunda será unha área reforestada con especies autóctonas en substitución de alóctonas na Comunidade de Montes de Couso, en Gondomar, e en terceiro lugar, na parroquia de Fisteus, no concello de Curtis, na mesma contorna na que se vai desenvolver o proxecto de corredores ecolóxicos e na que xa se están a instalar eses elementos.
As caixas, que terán no seu interior un manto formado principalmente por follas, musgo ou pequenas ramas para imitar os microhábitats de árbores veteranas, localizaranse en zonas forestais que non acadaron a madurez para que sexan colonizadas e así acelerar os procesos biolóxicos de forma natural. Deste xeito, analizando o punto de partida en termos de biodiversidade e facendo un seguimento continuo, poderase coñecer o número, tipo de especies e exemplares existentes.
O fin último é que a acción piloto resulte útil para o territorio e que contribúa á mellora en termos de paisaxe, biodiversidade e conectividade ecolóxica. De feito, en función dos resultados a iniciativa podería integrarse na Estratexia da Paisaxe do Goberno galego.
O proxecto GIFT foi un dos 26 que optaron á convocatoria de Interreg Europe para desenvolver este tipo de accións e das 42 aprobadas, estas dúas corresponden ao grupo de traballo liderado polo IET, que se vai executar en Leipzig e Galicia respectivamente ata finais de agosto de 2026. O obxectivo principal da acción Infraestrutura verde na paisaxe é contribuír a mellorar a política de paisaxe mediante a incorporación de criterios de biodiversidade, conectividade ecolóxica e multifuncionalidade, especialmente en ámbitos arborados.
Máis de 2 M€ de orzamento
Cómpre lembrar que a finalidade principal do programa GIFT é fomentar a política de cohesión, facilitando o intercambio de experiencias e coñecementos de éxito no eido das infraestruturas verdes, centradas en bosques e árbores, a transferencia de boas prácticas e a aprendizaxe entre os socios.
Impulsado no marco do programa Interreg Europe-Feder e cun orzamento de máis de 2 millóns de euros tras a aprobación destas dúas accións piloto -o 80% procedente de Fondos Feder e o 20% restante da Xunta-, este proxecto incide nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga e a erosión, entre outros.
No proxecto, que lidera o IET, participan nove entidades máis de países e rexións da Unión Europea: o Goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (ambos de Eslovenia), a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb (Croacia).



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.