Wednesday 26 de November de 2025

Belén do Campo destaca que o Plan Camiño Rural e o Plan Marco supuxeron un investimento de máis de 158.000 euros na mellora de infraestruturas rurais en Zas


 A delegada da Xunta visitou o camiño que se está a executar cunha axuda da Xunta de máis de 80.000 euros da anualidade 25-26, e lembrou que tamén recibiron, na anualidade 24-25, máis de 78.000 euros, para arranxar outros 3 viais

 Esta orde persegue a mellora de infraestruturas co gallo de xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo no medio rural

A delegada da Xunta, Belén do Campo visitou hoxe o concello de Zas, e salientou alí o investimento de máis de 158.000 euros que recibe este municipio para intervencións ao amparo do Plan Camiña Rural 25-26 que inclúe a mellora de viarios municipais para conectar núcleos e do Plan Marco 24-25, de acceso a parcelas agrícolas.

En concreto, a representante do Goberno autonómico explicou que, na convocatoria 25-26, este Concello conta cunha asignación de case máis de 80.000 euros, que lle está permitindo a mellora da capa de rodadura do acceso a Meanos. Durante a visita comprobou o resultado destas obras.

Ademais, lembrou que no marco da convocatoria 2024-2025, contaron tamén con máis de 78.000 euros, co que se levou a cabo a mellora da capa de rodadura dos camiños de Pudenza, Brandomil e Gomarís.

Para executar estas actuacións o Concello xa recibiu un anticipo do 100% da cantidade aprobada para este ano e solicitou a prórroga para executar esta partida con prazo ata o 11 de decembro.

Estas axudas parten dunha asignación fixa por localidade que se incrementa en función do número de entidades de poboación, criterios de agrariedade e outras cuestións vencelladas coa superficie e a localización do municipio.

Esta orde persegue a mellora de infraestruturas co gallo de xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo no medio rural. Neste punto sinalou que “ os camiños rurais facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio, reforzan o tecido social e contribúen a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, dinamizan o tecido produtivo e fixan poboación”.

A delegada engadiu que a través de iniciativas coma esta, “a Xunta mantén o compromiso coa promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”.
Estas axudas financian nun 100 % os gastos subvencionables. Deste xeito, nas actuacións subvencionables inclúense a ampliación de camiños para mellorar a seguridade viaria, o reforzo do firme existente, a adecuación de pasos fluviais e o mantemento das marxes.
Plan Camiña Rural 25-26
Plan Camiña Rural da Consellería do Medio Rural para o período 2025-2026, tamén está dotado con preto de 19,5 millóns de euros de fondos propios da Xunta de Galicia. O investimento está distribuído en dúas anualidades.

Na provincia da Coruña reciben estes apoios 86 concellos por un importe de máis de 5,5 millóns de euros e na comarca de Bergantiños-Costa da Morte recibiron axudas 16 concellos por un importe de máis de 1,1 millóns de euros.

Plan Marco 24-25
A delegada explicou que o Plan Marco, estivo dotado en Galicia con case 19,5 millóns de euros para 2024 e 2025, o que supuxo o orzamento máis alto dende 2017.

Belén do Campo informou que na provincia da Coruña recibiron estes apoios, no 24-25, 83 concellos por un importe de máis de 5,2 millóns de euros e na comarca de Bergantiños-Costa da Morte 15 municipios por un importe de máis de 1 millón de euros

Deja un comentario