Thursday 27 de November de 2025

A Coruña alcanza os 251.543 habitantes, a cifra máis elevada de poboación en décadas


O Concello recibiu a comunicación oficial do INE que especifica o dato do Padrón municipal a 1 de xaneiro deste ano

Dende o ano 2019 a cidade gañou case 6.000 cidadáns, o maior incremento rexistrado desde que hai estatística

O Instituto Nacional de Estadística (INE) vén de notificar ao Concello a resolución oficial da cifra de poboación resultante da revisión do Padrón municipal a 1 de xaneiro deste ano, que estima en 251.543 as persoas que habitan no termo municipal da Coruña, a cifra máis elevada en décadas.

Esta cifra supera, levemente, a proposta provisional emitida polo INE en marzo deste ano. Tras o período de alegacións, e a posterior validación do Consejo de Empadronamiento, a cifra definitiva da poboación na Coruña alcanza os 251.453 habitantes.

A alcaldesa, Inés Rey, valorou este fito apuntando que “isto é froito dun intenso traballo diario para posicionar á Coruña como o motor de Galicia en termos económicos e sociais”.

Un incremento máis marcado desde o ano 2019

Segundo os datos do INE (Padrón continuo a 1 de xaneiro), a evolución demográfica da cidade atopa un primeiro cambio de tendencia no ano 2015, cando o número de habitantes cae ata os 243.870. Entón, iníciase un período de case catro anos no que a cifra se estabiliza en torno aos 244.000, sendo no 2019 cando se detecta un punto de inflexión, co inicio dun incremento paulatino no tempo.

Atendendo aos rexistros do INE, o Padrón municipal da Coruña no 2019 era de 245.711 habitantes, pasou a 247.604 no 2020, baixou levemente a 245.468 no 2021 e 2022 (244.700) —no contexto da pandemia—, volve a incrementarse no 2023 (247.736) e xa é no 2024 cando queda ás portas dos 250.000 habitantes, con 249.261 veciñas e veciños.

A diferencia positiva entre o 2019 e este ano, 2025, é de 5.832 habitantes.
“Hai aspectos salientables que explican esta evolución. O primeiro, que A Coruña consolidouse como unha cidade de oportunidades, desenvolvemento empresarial e de creación de emprego. Iso permite reter poboación e tamén atraela. Mais outro piar fundamental é que dispoñemos de servizos públicos de calidade que permiten á veciñanza mellorar a súa calidade de vida. O noso obxectivo é seguir avanzando nesta liña de acción e por iso estamos a facer moito fincapé en dar solucións á cuestións como a vivenda, colaborando coas administracións competentes na materia”, dixo Rey.

A rexedora lembrou, a este respecto, que A Coruña foi o primeiro concello galego en solicitar a declaración de Zona Residencial Tensionada —xa vixente— e que, ademais, este ano aprobouse a regulación das VUT atendendo ás dificultades existentes no acceso ao alugueiro. “Dentro das nosas posibilidades, tamén estamos a promover a construción de 55 novas vivendas públicas e cedendo solo municipal á Xunta para incrementar o parque residencial público na cidade”, apuntou.

Deja un comentario