O conselleiro de Educación visita o Colexio Francisco Vales Villamarín, en Betanzos, unha das intervencións realizadas nos últimos anos
Insta ao Goberno central a reducir ao 10% o IVE destas actuacións e a elaborar un Plan nacional de mellora de infraestruturas educativas
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o CEIP Francisco Vales Villamarín, un dos colexios que foi obxecto dunha rehabilitación integral ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta coa que a Xunta está a modernizar as instalacións educativas galegas con 3.000 actuacións de mellora. “O Goberno galego ten previsto un investimento de preto de 500 M€ neste plan ata 2028”, sinalou.
Neste sentido instou, unha vez máis, ao Goberno central a reducir ao un tipo reducido do 10% o IVE das obras de construción, reforma ou rehabilitación de centros de ensino públicos, ao tratarse de actuacións vencelladas á prestación dun servizo esencial e básico como é a educación. “Deste xeito poderiamos incluír máis actuacións no plan e melloras as instalacións de máis colexios e institutos”, afirmou.
Igualmente, o conselleiro insistiu na necesidade de que o Goberno estatal habilite un Plan nacional de mellora de infraestruturas educativas con compromiso de fondos para intensificar este tipo de obras, “que neste momento en Galicia recaen fundamentalmente nos orzamentos autonómicos e nos fondos europeos que logramos”, detallou. Ambas son cuestións aprobadas no Parlamento de Galicia.
Román Rodríguez explicou que neste momento están rematadas, en execución ou comprometidas preto de 3.000 actuacións do Plan de nova arquitectura pedagóxica da Xunta, cun investimento de máis de 331 M€. “Trátase dunha inxección económica sen precedentes que inclúe non só a reforma dos centros para mellorar a súa eficiencia enerxética e para adaptalos ás necesidades do ensino do século XXI, así como as pequenas e medianas obras do verán, senón tamén a ampliación de colexios e institutos e incluso a creación de novos centros para atender a necesidade de prazas nas zonas que o precisan, así como o incremento da matrícula na FP”, salientou.
De feito, o vindeiro ano estarán en construción en Galicia tres centros educativos: o novo Colexio do Milladoiro (Ames, 11,6 M€), xa en marcha, e os institutos Domingo Villar (Vigo, 17,8 M€), en licitación, e o Instituto Padre Feijoo do Pereiro de Aguiar (9,5 M€).
A maiores, recordou que os Orzamentos da Xunta para 2026 inclúen 73,6 M€ para obras en centros educativos, un 4% máis, e que antes de que remate o ano se licitarán as primeiras 16 actuacións para executar ao longo do vindeiro exercicio.
Máis de 5,5 M€ en Betanzos
No que atinxe ao investimento nos centros de Betanzos, o conselleiro sinalou que ascende a máis de 5,5 M€ nos últimos anos. “No caso do CEIP Francisco Vales Villamarín acabamos de rematar a segunda fase da rehabilitación, cun investimento de 910.000€”, incidiu, recordando que esta actuación se suma a outras realizadas no colexio, como a construción dun novo aulario de Infantil (2,3M€), a primeira fase da rehabilitación integral (430.000€) ou a instalación dunha sobrecuberta no pavillón (50.000€), entre outras. Ademais, investíronse máis de 1 M€ intervencións nos institutos As Mariñas e Francisco Aguiar en diversas intervencións.
A segunda fase da rehabilitación do Vales Villamarín tivo como obxectivo principal a mellora enerxética do centro. Para iso aplicouse sistema de illamento térmico SATE nos 2.123m² de fachadas e renováronse : 139 fiestras (incluíndo as persianas) e 6 portas. No interior instaláronse 1.198m² de falsos teitos e mudáronse 177 luminarias por uns modelos máis eficientes. Estas melloras permiten redundan nunha redución do 55% no consumo de enerxía e do 57% en emisións de CO₂.
Ademais, reorganizouse o volume sur do edificio para habilitar un novo comedor de 205 m² para 175 alumnos e unha sala multiusos de 152 m². Así mesmo, reubicouse a biblioteca na planta baixa, de tal forma que agora é máis ampla (207 m²) e está dotada de radio e Polo Creativo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.