Thursday 27 de November de 2025

O Concello reparte en Novo Mesoiro os 1.800 litros de abono orgánico xerados no composteiro comunitario do barrio


Esta instalación foi a primeira que puxo en marcha o Executivo municipal das catro coa que conta a cidade

A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, participou hoxe no reparto aos veciños de Novo Mesoiro do compost xerado no composteiro do barrio durante os últimos meses.

En total obtivéronse 1.800 litros de abono orgánico de alta calidade que os cidadáns poderán utilizar para as súas plantas e tamén poderán usar as persoas adxudicatarias dos hortos municipais ou abonar os xardíns e zonas verdes municipais. A cantidade obtida e a súa calidade reflicten a eficacia do proceso e a implicación da veciñanza na correcta achega de materia orgánica.

Neira agradeceu os veciños e veciñas de Novo Mesoiro a súa participación neste proxecto que funciona desde 2023 e que foi o primeiro que se instalou na cidade. “Que os veciños traian os seus residuos orgánicos ao composteiro do barrio pode parecer un xesto pequeno, pero demostra un gran compromiso co medio ambiente, coa sustentabilidade e coa economía circular”, destacou Neira, quen animou aos veciños de Novo Mesoiro que aínda non o utilizan a comezar a separar en casa a fracción orgánica cos cubos que pon á súa disposición o concello, e recordou que este tipo de accións para a redución dos residuos urbanos enmárcase dentro das medidas que está a tomar o Goberno de Inés Rey para garantir unha cidade máis sostible.

A Coruña conta con tres composteiros máis, instalados este mesmo ano polo Concello nos barrios de Monte Alto, Eirís e O Castrillón. Dado que a transformación da materia orgánica require un tempo de maduración natural, aínda deberán transcorrer algúns meses antes de poder realizar a primeira retirada de compost. As previsións municipais apuntan a que nas primeiras datas do aninovo tamén comezarán a obterse resultados nestes tres equipamentos, consolidando así o funcionamento pleno da rede actual de compostaxe comunitaria na cidade.

Deja un comentario