O Grupo Municipal Socialista preguntará no Pleno sobre a falta de avances nas melloras de seguridade viaria en Laraño, ao considerar que o Goberno de Sanmartín leva meses desatendendo un problema reiterado de accidentes e advertencias veciñais sen adoptar ningunha medida efectiva.
O Grupo Municipal Socialista denunciará no Pleno de novembro a “parálise” do Goberno de Sanmartín respecto ás melloras de seguridade viaria en Laraño, unha parroquia onde, segundo alertan, a veciñanza leva meses advertindo dun problema “grave e coñecido” sen que o Concello dera un só paso efectivo para resolvelo.
O voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, advertiu de que “desde o Grupo Municipal Socialista queremos poñer o foco na situación de inseguridade viaria que sofre Laraño. Falamos dunha parroquia onde a veciñanza leva meses reclamando solucións, advertindo do perigo dos viais e denunciando accidentes recorrentes tanto para condutores como para peóns”.
Guinarte lembra que o 17 de setembro o Executivo municipal anunciou a solicitude de informes á Policía Local e á Garda Civil para avaliar a sinistralidade. Con todo, dous meses despois, non hai novidades nin actuacións visibles, “a veciñanza segue sen saber nada e non se aplicou ningunha mellora real no territorio”, afirmou Guinarte, quen considera que a situación evidencia unha “falla absoluta de prioridade política”.
Por iso, o grupo socialista esixirá explicacións no Pleno e pedirá coñecer o contido dos informes e as medidas previstas, “imos preguntar que conclúe ese informe e, sobre todo, que actuacións está executando o goberno da señora Sanmartín. Porque non abonda con anunciar estudos, cómpre actuar, tomar decisións, reforzar a seguridade dos viais e ofrecer respostas inmediatas a un problema que afecta á vida cotiá da xente”, subliñou o voceiro.
Guinarte foi máis alá e advertiu de que o Concello está desatendendo unha demanda básica da cidadanía. “Laraño non pode seguir agardando. É responsabilidade do Concello garantir a seguridade da súa veciñanza. O que pedimos é simple, transparencia, planificación e medidas efectivas. A seguridade da cidadanía non admite máis atrasos”, concluíu.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.