Friday 22 de November de 2024

O Concello traballa na renovación de preto de 2.500 puntos de luz nos accesos á cidade


O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia deu conta hoxe da solicitude dunha axuda do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE) para a mellora da iluminación dos accesos á cidade. O proxecto contemplaría a renovación a preto de 2.500 puntos de luz, e suporía un investimento de 1.465.194,18 euros.

Segundo o seu programa de axudas, o IDAE, dependente do Ministerio de Industria, aportaría o total do orzamento a través dun préstamo sen xuros, cun ano de carencia e a devolver en 10 anos. Deste xeito, o Concello empezaría a pagar en 2017, e faríao en cotas de 146.519 euros anuais. En todo caso, o renovación da iluminación suporá un importante aforro enerxético, de case 240.000 euros anuais.

Xan Duro explicou que o obxectivo é actuar sobre un total de 2.442 puntos de luz, nos que se utilizarían luminarias de alta eficiencia e rendemento (LEDS) e dispositivos que se poden regular de forma programada, de xeito que se rebaixaría o consumo enerxético. O proxecto afectaríalle a 51 centros de mando, que tamén serían adaptados no referente á disposición de protección diferencial e sistemas de posta a terra. En 5 centros de mando instalaríase un sistema de control punto a punto, que permite regular cada luminaria de xeito individualizado, controlando a súa potencia e mesmo o momento de acendido e apagado. Sería, en concreto, no tramo do periférico comprendido entre a rotonda de Amio e o Polígono do Tambre, onde se contabilizan 332 puntos de luz.

Case 240.000 euros de aforro ao ano
O proxecto presentado ao IDAE suporía un investimento de 1.465.194,18 euros, unha cantidade que quedaría amortizada en pouco máis de seis anos grazas ao aforro que permiten as novas luminarias. Así, o novo sistema de iluminación suporía un aforro anual de 1,6 millóns de kilowatios, que equivalen a 230.234,82 euros, aos que hai que sumar outros 7.600 euros de aforro anuais derivados da modificación da potencia contratada. Deste xeito, nos 10 anos de amortización do préstamo do IDAE, o Concello quedaría cun saldo positivo de 913.000 euros.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia salientou que as novas luminarias tamén suporán unha importante redución na emisión de dióxido de carbono á atmosfera, aproximadamente de medio millón de toneladas en 10 anos.

Tramos a renovar
A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia pretende actuar nos seguintes tramos:

– Ponte de San Lázaro-Lavacolla (antiga C-547)
– Rotonda de Lavacolla-Autovía de Lavacolla
– Rotonda de Vidán-Villestrexe
– Rotonda de Vidán-Volta do Castro
– Rotonda da Praza da Paz-Praza de España
– Marrozos-Rotonda da autoestrada de Ourense
– Rotonda da Autoestrada de Ourense-Túnel do Hórreo
– Os Tilos-Rotonda do Castiñeiriño
– Rotonda do Castiñeiriño-Rotonda do Hórreo
– Rotonda do Hórreo-Rotonda de Romero Donallo
– Rotonda da Pontepedriña-Rotonda de Sar
– Milladoiro-Túnel do Hórreo
– Rotonda do Hórreo-Rotonda de Sar (parte superior do túnel)
– Praza de España-Polígono do Tambre
– Praza de España-Avenida de Lugo
– Túnel do Hórreo-Polígono do Tambre polo periférico