Tuesday 25 de November de 2025

O Concello de Boqueixón escribe un Libro Violeta contra a violencia de xénero


O Concello de Boqueixón conmemorou esta mañá o Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller cunha concentración diante da casa consistorial, na que participaron persoal municipal, veciñanza e corporación municipal, encabezada polo alcalde Ovidio Rodeiro.

A concelleira de Igualdade, Ángela Conde, foi a encargada de dar lectura ao manifesto contra a violencia de xénero onde puxo en valor o compromiso do Concello de Boqueixón, sobre todo a través do Centro de Información á Muller, que durante este ano realizou máis de 300 actuacións en beneficio das mulleres de Boqueixón, Touro e Vedra en materia de asesoramento xurídico, atención psicolóxica e ofrecemento de recursos. Así mesmo, insistiu en que “a loita contra a violencia de xénero non é unha cuestión de ideoloxías, é unha realidade social coa que convivimos e que debemos combater unidos, porque esta forma extrema de discriminación avergóñanos como sociedade. Por iso, rexeitamos tamén a aqueles que buscan unha utilización partidista dunha causa que nos debería unir a todos ao redor das vítimas”.

Tras gardar un minuto de silencio en memoria das vítimas, moitas das persoas presentes deixaron a súa mensaxe no Libro Violeta de Boqueixón, unha campaña organizada polo CIM de Boqueixón en colaboración cos Concellos de Boqueixón, Touro e Vedra, así como co Ministerio de Igualdade e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Un libro no que se introduciron mensaxes de reflexión, apoio e solidariedade na loita contra a violencia machista. Así mesmo, os asistentes tamén puideron contemplar o traballo realizado pola rapazada do programa de conciliación familiar “Tardes divertidas e de lecer”.

O Concello de Boqueixón pechará as actividades conmemorativas do 25 de novembro, cun obradoiro gratuíto de defensa persoal para mulleres e mozas do municipio, organizado por Escola Judo Club Boqueixón no marco do proxecto Iberdrola Judo Rural e consistirá nunha sesión práctica, segura e adaptada para todos os niveis onde as mulleres participantes aprenderán técnicas básicas de autoprotección, prevención e confianza corporal. Será este venres 28 de novembro, de 20:00 a 22:00 horas, no ximnasio municipal do Forte. A participación é totalmente gratuíta, se ben é preciso anotarse previamente no mail: escolajudoclub@gmail.com.

Deja un comentario