O orzamento do proxecto ascende a 250.000 euros a cofinanciar entre o Concello e a Xunta de Galicia.
Os traballos de ampliación do punto limpo encaran a súa recta final coa colocación dos novos contedores metálicos necesarios para a correcta recepción, separación, selección e almacenamento dos diferentes tipos de residuos que deposite a veciñanza nas instalación.
O alcalde, José Manuel López Varela, o concelleiro de Obras Públicas, Pablo Cambón, e o director da obra achegáronse esta mañá ás instalacións para supervisar persoalmente esta última fase das actuacións.
O proxecto, que agora finaliza a súa execución supón un investimento de 250.000 euros cofinanciados entre o Concello e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia. Consistiu na ampliación das instalación do punto limpo mediante o acondicionamento e integración dunha área da parcela contigua adquirida polo Concello para ese fin. Contar con maior espazo permitiu mellorar os accesos, avanzar cara a posibilidade de novos servizos e ofrecer un ámbito máis cómodo, ordenado e eficiente en beneficio do persoal que atende o punto limpo e dos seus usuarios.
O Concello destaca a importancia deste proxecto para reforzar o servizo que se presta á cidadanía e favorecer a xestión responsable do material que alí se deposita, dous obxectivos fundamentais para seguir facendo da Laracha un municipio máis sostible.
O punto limpo da Laracha, situado xunto á ponte do Formigueiro, é unha instalación esencial para a protección do entorno e a correcta reciclaxe dos residuos que non poden depositarse nos colectores convencionais. Está aberto ao público os luns de 15:00 a 20:00 h, os mércores e venres de 16:00 a 20:00 h e os sábados, de 9:00 a 14:00 h.
O proxecto de ampliación e mellora das instalacións do punto limpo enmárcase nos compromisos asumidos polo Concello no marco do Pacto das Alcaldías e nas directrices da Axenda 2030.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.