O Concello de Frades centralizou un ano máis nas crianzas as súas actividades conmemorativas do 25 novembro. Así, o concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro, acudiu ao CPI Ponte Carreira para repartir material conmemorativo do 25 de novembro e participou na campaña “Pasos firmes, pasos seguros”, organizada pola Mancomunidade de Ordes en colaboración co Concello de Frades, a Cruz Vermella, a Xunta de Galicia e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
A actividade consistiu en que o alumnado achegou un par de zapatos vellos da casa, que pintaron de vermello no colexio. Así, baixo a lenda “Non + zapatos vermellos” elaboraron tantos pares de zapatos como vítimas de violencia de xénero houbo no ano 2025, que eran expostos xunto a unha cartolina co nome, idade e o lugar onde foi asasinada cada vítima.
Acto seguido tivo lugar a tradicional lectura do manifesto contra a violencia de xénero na casa consistorial, da man da concelleira de Benestar, Muller e Igualdade, Ánxeles Álvarez Carro. A programación continúa este sábado 29 de novembro, ás 16:30 horas. O multiúsos de Frades acollerá “Travesía Unicornio”, un espectáculo de Teatro dos Ghazafelhos dirixido ao público familiar. Inscricións ata o 28 de novembro no Concello (981 695 567).




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.