A concelleira socialista alerta de que, malia o anuncio dunha “gran transformación” do servizo de comedor escolar en 2024, o goberno local chega ao Pleno sen avances reais, cun contrato a piques de caducar e sen informes que avalen o modelo prometido.
O Grupo Municipal Socialista expresou a súa preocupación pola ausencia de avances reais no proxecto de transformación do servizo municipal de comedor escolar, anunciado polo goberno local hai máis dun ano e medio. A concelleira socialista Marta Abal lembrou que “en setembro de 2024, a concelleira de Educación, Míriam Louzao, anunciaba unha suposta gran transformación do servizo de comedor: a construción dunha cociña central e a municipalización da cociña escolar”. Con todo, indicou que, tras o tempo transcorrido, “o que chega ao pleno do vindeiro xoves é só a creación dunha comisión de estudo para determinar a súa forma de xestión”.
Abal sinalou que a proposta chega “despois de ter consignado no orzamento 1,4 millóns de euros para a cociña central” e subliñou que a comisión se presenta “sen informes, sen estudos nin documentación que avale o modelo anunciado”.
A concelleira advertiu ademais da falta de certezas sobre o futuro inmediato do servizo: “O que si temos por certo é que o contrato remata este curso e non sabemos que vai pasar no 2026-2027 e se o goberno municipal garantirá a continuidade do servizo”.
A socialista reiterou a súa posición sobre a competencia do servizo, “desde o Grupo Municipal Socialista sempre defendemos que o servizo de comedor debe ser asumido pola Xunta de Galicia, titular da competencia”. En todo caso, Abal asegurou que o grupo está disposto “a estudar calquera alternativa que presente o Concello, sempre que chegue con informes sólidos que garantan a sostibilidade e calidade do servizo. O contrario é un brinde ao sol”.
A concelleira insistiu en que, fronte á suposta “revolución” anunciada polo goberno local, “o que realmente temos é un contrato a piques de caducar, incerteza sobre o futuro do servizo e unha evidente falta de transparencia”. Engadiu que o executivo municipal está “mentres o goberno intenta cargar na oposición a responsabilidade da súa deficiente xestión mediante a creación dunha comisión sen informes, sen estudos e sen documentación que permitan tomar, de xeito obxectivo, unha decisión”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.