Tuesday 25 de November de 2025

O Concello de Brión conmemora o 25N cunha performance de Teatro das Maniotas


A campaña “Brión a prol do bo trato” continúa mañá martes cun obradoiro de autodefensa feminista

Un espectáculo a cargo de Teatro das Maniotas, grupo teatral conformado por alumnos e alumnas do IES de Brión, protagonizou este mediodía a tradicional concentración e lectura do manifesto institucional polo Día internacional para a eliminación da violencia de xénero na praza do concello de Brión. A concelleira de Igualdade, Rosa Romero, foi a encargada de dar lectura ao manifesto institucional contra a violencia de xénero.

Acto seguido, un grupo de rapazas e rapaces de Teatro das Maniotas, totalmente vestidos de negro coa excepción duns panos violetas coa lenda “Brión a prol do bo trato” nos seus pescozos, realizaron unha espectacular coreografía que foi moi aplaudida polas persoas presentes no acto.

Resto da programación

A programación especial do Concello de Brión polo 25N finalizará a próxima semana. Así, o luns 1 de decembro terá lugar o relatorio “Asesoría sobre a violencia sexual”, da man da psicóloga Lara Fuentes. O centro social polivalente acollerá de 18:00 a 19:30 horas unha charla sobre o que se pode facer no caso de ser vítimas ou testemuñas de violencia sexual.

E o martes 2 de decembro, ás 11:00 horas, terá lugar a derradeira sesión do obradoiro de autocoidado feminino “O descanso da guerreira”, que vén impartido dende o pasado 4 de novembro a terapeuta e bailarina Martha Franco. Unhas sesións nas que as mulleres participantes aprenden ferramentas para mellorar o seu benestar e calidade de vida, como técnicas de automasaxe, respiración, movemento, estiramentos, nutrición e xestión emocional.

En ambas as dúas actividades a participación é totalmente de balde e aínda é posible anotarse chamando ao teléfono 981 509 910 ou escribindo ao mail sabela.losada@concellodebrion.gal.

Deja un comentario