O portavoz do Bloque Nacionalista Galego e exalcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, mantivo hoxe unha reunión de traballo coas traballadoras do servizo de limpeza do Hospital do Barbanza, coincidindo coa concentración convocada polo persoal para reclamar a equiparación salarial coas súas compañeiras doutros centros hospitalarios da área sanitaria.
As profesionais denuncian que, a día de hoxe, cobran menos polo mesmo traballo, malia realizar as mesmas funcións e responsabilidades que noutros hospitais. Ademais, levan meses solicitando encontros coa xerencia e coas autoridades sanitarias, sen que estas accedesen a reunirse co persoal, o que agrava unha situación laboral que cualifican de inxusta e discriminatoria.
Durante o encontro, o BNG recolleu as súas demandas e comprometeuse a trasladalas ás instancias competentes.
“Desde o BNG mostramos todo o noso apoio ás reivindicacións destas traballadoras, que só están pedindo xustiza salarial. É necesario equiparar os seus soldos ao que realmente se merecen, porque realizan un labor esencial nos hospitais galegos”, afirmou Luís Pérez Barral.
“Da limpeza do hospital dependen as intervencións cirúrxicas, a hixiene nas consultas e o benestar das persoas ingresadas. Sen o seu traballo, non hai atención sanitaria segura nin de calidade”, engadiu o portavoz nacionalista.
O BNG de Ribeira esixe á Consellería de Sanidade e á xerencia do Hospital do Barbanza que rectifiquen de inmediato, abran un proceso de diálogo co persoal e garantan unhas condicións laborais dignas e iguais ao resto da área sanitaria.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.