O acto institucional polo 25N consistiu na construción da solidez da igualdade, lectura participativa dun manifesto, e plantación dunha oliveira
A alcaldesa presidiu a xornada con escolares e colectivos sociais
Ribeira conmemorou o Día Internacional contra a Violencia de Xénero neste 25 de novembro cun acto institucional. A alcaldesa, María Sampedro, convidou á veciñanza asistente a reflexionar sobre esta eiva social, pois “as frases construídas nas aulas, os nomes das vítimas, o manifesto deixan claro que a violencia machista non é unha realidade distante nin excepcional, senón unha ferida que segue aberta na nosa sociedade. As mulleres que lembramos hoxe non son cifras: son vidas truncadas, proxectos interrompidos, familias devastadas. E detrás de cada caso hai sinais, hai desigualdades, hai silencios que non podemos permitirnos volver repetir.”
Neste senso, a rexedora ratificou o compromiso da Administración local, polo que “Ribeira vai seguir traballando, con todos os medios ao seu alcance, para protexer, acompañar e garantir os dereitos das mulleres. Desde a educación ata a prevención, desde a atención ás vítimas ata o reforzo dos recursos especializados, seguiremos avanzando para que ningún acto de violencia quede invisibilizado e para que ningunha muller se sinta soa.” “En Ribeira non hai espazo para a violencia contra as mulleres. Temos moito por facer, si; pero temos tamén a forza, a vontade e a responsabilidade de facelo xuntos”, remarcou a mandataria local.
Tamén se pronunciou a concelleira da Igualdade, Ana Barreiro, quen indicou que neste ano se puxo o foco na educación como base cara a consecución da igualdade. “Estamos aquí representadas institucións, centros educativos, entidades sociais, asociacións e veciñanza.
Todas estas pezas xuntas forman unha mensaxe moi clara: en Ribeira non hai lugar para a violencia de xénero, e imos seguir traballando para construír relacións máis xustas, máis igualitarias e máis libres”, remarcou a edil.
Construción da igualdade cunha base sólida
Alumnado de 1º da ESO dos institutos do municipio escenificaron a construción dun muro que asenta a solidez da igualdade no contexto actual con lemas sobre apoderamento feminino. Tamén nomearon ás 38 vítimas de violencia de xénero neste 2025 en toda España.
Deseguido, o público congregado na praza do Concello gardou un minuto de silencio.
Tamén houbo lectura participativa do manifesto da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e plantación dunha oliveira na praza do Centenario en lembranza das mulleres asasinadas.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.