O acto contou coa participación do alumnado do CPI Cernadas de Castro e integrantes das asociacións A Misela e Amicos, que deron lectura a mensaxes e haikus contra a violencia de xénero
O Concello de Lousame, en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, puxo en marcha hoxe a campaña de sensibilización “Abrígate baixo o paraugas do bo trato”, financiada con cargo ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e o Ministerio de Igualdade. Unha campaña que presidiu esta mañá o acto oficial de conmemoración do 25 de novembro, celebrado na praza do concello e no que tomaron parte máis de 150 persoas, entre persoal municipal, representantes da corporación municipal, alumnado do colexio e integrantes das asociacións Amicos e A Misela.
O alcalde, Esteban Ares García, foi o encargado de dar lectura ao manifesto institucional contra a violencia de xénero no que “dende o Concello de Lousame apelamos á tolerancia cero cos maltratadores para poñer fin a esta lamentable lacra e, xunto con toda a cidadanía, colaborar na construción dunha sociedade máis solidaria, máis equilibrada, máis igualitaria e sen discriminación”. Tamén fixo un chamamento aos mozos e mozas reunidos na praza Teodomiro Hidalgo: “anímovos a que loitedes, a que tomedes moi en serio o que reivindicamos hoxe e que a todos, mocidade, veciñanza, administracións, nos corresponde cambiar”.
Acto seguido, tomou a palabra o alumnado do CPI Cernadas de Castro, que xa levan unhas semanas traballando na campaña “Abrígate baixo o paraugas do bo trato” e que incluso asistiron con paraugas da iniciativa decorados con mensaxes contra a violencia de xénero e a favor da igualdade. A maiores, deron lectura a unha serie de haikus contra a violencia de xénero elaborados nas clases. A eles sumáronse os membros de Amicos e A Misela, que tamén leron distintas mensaxes a prol da igualdade e contra a violencia machista.
O acto rematou coa pegada deses haikus e mensaxes nun gran panel violeta elaborado polo Concello de Lousame coa lenda “Abrígate baixo o paraugas do bo trato” e onde as mensaxes negativas (violencia, machismo, desigualdade…) eran as pingas da choiva e os paraugas protexían as mensaxes positivas (igualdade, respecto, dereitos…).
Concurso
Esta campaña dará agora o salto ás redes sociais, onde todas as persoas que o desexen poderán participar ata vindeiro 7 de decembro. Haberá dous xeitos de participación:
- Compartindo en redes sociais a publicación que o Concello de Lousame faga da campaña “Abrígate baixo o paraugas do bo trato” e utilizando o cancelo #abrigatenobotrato
- Ou Compartindo unha fotografía cun paraugas, co hashtag #abrigatenobotrato e etiquetando nela Concello de Lousame na rede correspondente: Facebook (concello.delousame), Instagram (@somosLousame) ou X (@SomosLousame).
En caso de non dispoñer de Redes Sociais, o Departamento de Igualdade de Lousame dá tamén a opción de enviar a frase por WhatsApp ao 689 126 385, indicando o nome e apelidos de quen a envía ou ao grupo ao que representa.
O concurso está aberto a toda a veciñanza e pódese participar de xeito individual ou grupal (aulas, entidades, asociacións…). O prazo para enviar frases remata o 7 de decembro e ao finalizar a campaña sortearanse os seguintes premios:
- 1 vale por unha cea para catro persoas nun restaurante de Lousame entre as persoas que participaran de xeito individual compartindo a súa foto co paraugas
- 2 vales de 50€ para gastar nas farmacias de Lousame entre os grupos que participaron compartindo a súa foto co paraugas.
- 2 vales de 50€ para gastar nunha ferretería de Lousame, entre que participe so compartindo a campaña.
- 50 paraugas rotulados co lema da campaña entre todas as persoas/grupos que participaran na iniciativa en xeral




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.