— O xurado, presidido polo director do Instituto de Estudos do Territorio, decidiu outorgar tres premios de 12.000 €, 10.000 € e 8.000 €, respectivamente
— No proceso de selección valorouse sobre todo a viabilidade e calidade arquitectónica das propostas así como a sostibilidade ambiental, económica e social dos deseños
A Xunta de Galicia acaba de resolver o concurso de ideas convocado o pasado mes de setembro co fin de obter un prototipo de chiringuito biosostible integrado na paisaxe das praias e das contornas naturais costeiras galegas. En total, 3 das 16 propostas finalmente admitidas e avaliadas foron seleccionadas para ser incluídas na proposta final.
O xurado, presidido polo director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, e outros técnicos do organismo ademais de dous arquitectos, reuniuse onte por quinta e última vez para analizar os traballos e decidiu asignar un primeiro premio de 12.000 euros para a proposta baixo o lema Do mar ao furancho, un segundo de 10.000 euros para Módulo, serie e litoral e un terceiro de 8.000 euros para Secadoiro.
Tendo en conta que a convocatoria do concurso está dirixida á selección das mellores ideas das que sacar un prototipo que posteriormente se poida replicar e materializar nun proxecto construtivo, durante o proceso de selección valorouse sobre todo a viabilidade e calidade arquitectónica das propostas, os valores funcionais e paisaxísticos así como a sostibilidade ambiental, económica e social dos deseños presentados. De feito, o gañador do premio de 12.000 euros está previsto que, nunha fase posterior, poida optar tamén á redacción do proxecto básico e de execución do prototipo.
O fallo coa proposta final dos traballos premiados foi publicada hoxe na plataforma de contratos públicos de Galicia aínda que cómpre aclarar que non é definitiva. Así, as persoas ou empresas que presentaron os tres traballos seleccionados como premiados terán 10 días para presentar a documentación exixida e acreditar a súa solvencia técnica e económica; en caso de non facelo, poderían volver a asignarse os premios.
Cómpre lembrar que con esta iniciativa, licitada a principios de setembro, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático busca unificar a estética dos establecementos hostaleiros de tempada —coñecidos como chiringuitos— co obxectivo de garantir un desenvolvemento sostible da costa galega e integrar este tipo de instalacións coa contorna. A medida, ademais, encaixa na tripla perspectiva (ambiental, económica e social) coa que se elaborou a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.
Neste sentido, os chiringuitos de costa deben evolucionar a instalacións sostibles e adaptadas ás contornas naturais nas que desenvolven a súa actividade. Así e aínda que terán que adaptarse en todo caso e de igual xeito á normativa urbanística de cada concello e ás Directrices da Paisaxe, o obxectivo do concurso de ideas é que, como punto de partida, se poida dispoñer dun ou de varios postos de praia modelo que sirvan de referencia para os promotores destes establecementos.
En concreto, considérase fundamental que este tipo de instalacións poidan readaptarse en cuestións de carácter arquitectónico e de uso de materiais, así como con relación aos sistemas de abastecemento e xestión de residuos, ao consumo enerxético, á relación cos ecosistemas litorais e ao seu funcionamento mentres estean funcionando.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.