Tuesday 25 de November de 2025

O Concello inicia os traballos para a posta en funcionamento das dúas primeiras bases de BiciCoruña no barrio de Xuxán


Esta mañá instaláronse ambas as estacións e nos vindeiros días continuarán as probas técnicas de cara á súa entrada en servizo

Ademais, este martes tamén se dispuxo a nova base da travesía de Meicende, ideada para facilitar os desprazamentos ao polígono industrial e tamén entre A Coruña e Arteixo

Hoxe, o Concello da Coruña instalou as primeiras bases de BiciCoruña no barrio de Xuxán, que suma dúas novas estacións do servizo municipal ao abeiro do plan de expansión que está a impulsar o Goberno de Inés Rey en todos os distritos da cidade.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apuntou que a localización destas dúas bases fíxose atendendo ao feito de que Xuxán xa conta cun percorrido de carril-bici, “polo que optamos por localizar ambas as estacións moi preto da vía ciclable, aproveitando a súa existencia previa”.

Neste sentido, unha das bases estará situada no cruzamento entre a avenida de Xuxán e a rampla de conexión coa avenida das Fresas de Eirís. A segunda, tamén na avenida de Xuxán, na intersección coa rúa Galán.

Como xa é habitual nestes casos, a instalación das bases irá seguida das probas técnicas e a sincronización do software do sistema. “A posta en rúa das estacións sempre é o primeiro paso do procedemento. A continuación é cando se executan as tarefas previas á posta en funcionamento”, explicou Díaz.

Unha nova base para facilitar os desprazamentos a Meicende

Tamén esta mañá, o Concello instalou unha base no acceso principal á travesía de Meicende, moi preto da rotonda da refinaría e do desvío á avenida de Nostián.

A concelleira Noemí Díaz apuntou que, con esta actuación, “reforzamos a aposta pola mobilidade sostible e os vehículos alternativos nos desprazamentos das persoas empregadas nos parques industriais e polígonos da cidade e a súa área metropolitana”. No caso de Meicende, tanto pola proximidade da refinaría como das múltiples empresas asentadas na contorna.

Esta medida chega poucos meses despois de que os concellos da Coruña e Arteixo subscribisen un protocolo para potenciar a súa coordinación conxunta, co obxectivo de facer máis eficiente a xestión das políticas públicas compartidas por ambos os municipios. Neste caso, en clave de mobilidade interurbana.

Deja un comentario