Tuesday 25 de November de 2025

A Xunta instala 18 paneis divulgativos para informar e sensibilizar á cidadanía sobre o risco de inundación no río de Pastoriza, na Coruña


O obxectivo de Augas de Galicia é advertir dos perigos asociados ás áreas de risco potencial significativo de inundación e dar a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio de desbordamento

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, completou hoxe a instalación dun total de 18 paneis informativos na área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) Río de Pastoriza, no concello da Coruña, co fin de concienciar á cidadanía sobre os perigos e implicacións asociadas a estas zonas así como sobre as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio deste tipo.
A ARPSI Río de Pastoriza está localizada integramente no concello da Coruña e segundo recolle o Plan de Xestión do Risco de Inundación (PXRI) da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, pertence ao grupo IV, no que están as zonas de maior perigosidade e risco desde o punto de vista da posibilidade de que se produzan desbordamentos.
Precisamente, a colocación destes elementos pretende mellorar a conciencia pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e as medidas de protección da cidadanía. Trátase dun traballo enmarcado no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (Pedarpsi) e que dá continuidade á instalación destes paneis noutras zonas sensibles da Demarcación Galicia-Costa.
Deste xeito, cómpre lembrar que Augas de Galicia colocou xa este tipo de indicadores nun total de 16 concellos con áreas con alto risco de inundación dentro do seu territorio: Gondomar, Bueu, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Vimianzo, Zas, Carballo, Arteixo, Sada, Fene, Neda, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos e A Coruña.
O organismo autonómico reforza así o compromiso coa prevención e xestión sostible de eventuais asolagamentos, en estreita colaboración coas administracións locais e autonómicas e cumprindo co PXRI vixente ata 2027, que está sendo sometido xa a revisión en aplicación da directiva comunitaria relativa á xestión do risco de inundación.
Paneis con formatos e mensaxes adaptados
No caso concreto da Arpsi Río de Pastoriza-A Coruña, o organismo autonómico procedeu a colocar seis paneis xerais, con información específica sobre a zona e o protocolo de actuación en caso de desbordamento, outros 10 reducidos e dous paneis infantís, cunha estética e linguaxe máis simples e adaptadas á idade do público ao que van dirixidos. Estes 18 novos indicadores están todos dentro do ámbito do concello da Coruña.
Os traballos para instalar estes carteis na contorna do río de Pastoriza ao seu paso pola cidade herculina —cun custo de 6.952,5 euros— enmárcanse no contrato de Augas de Galicia para a prestación do servizo de concienciación e divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas que se atopan nesta situación, que conta cun investimento global de preto de 700.000 euros.
Ao abeiro deste contrato e dentro do Pedarpsi desenvólvense tamén obradoiros nos centros de educación infantil e primaria existentes nas proximidades das áreas de risco potencial significativo de inundación para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia que teñen as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga.

Deja un comentario