En cousa dunhas semanas estaremos de cheo nas festas máis consumistas do ano. No Nadal as compras a través do comercio electrónico multiplícanse, e con elas tamén se incrementa a posibilidade de caer nalgunha fraude virtual. Por esta razón, o luns da semana que vén, 1 de decembro, a Aula Cemit de San Sadurniño acollerá o obradoiro “Prepárate para un Nadal Ciberseguro”, unha actividade pensada para axudar ás persoas usuarias a evitar fraudes e riscos dixitais nunha das épocas do ano con máis movemento en liña. A sesión desenvolverase de 12:00 a 13:30 horas e ofrecerá claves prácticas para facer compras seguras, identificar webs sospeitosas e recoñecer os enganos máis habituais nestas datas. Ademais, prestarase especial atención aos riscos asociados aos novos xoguetes e dispositivos conectados que adoitan chegar como agasallo no Nadal.
Durante a formación abordarase como detectar sinais de alerta en ofertas excesivamente atractivas, ligazóns fraudulentas ou páxinas que imitan tendas reais. As persoas asistentes tamén aprenderán a revisar correctamente a información dun sitio web, empregar métodos de pago seguros e configurar medidas básicas de protección nos seus equipos.
Outro dos bloques do obradoiro centrarase nas estafas máis frecuentes durante o Nadal, como falsos anuncios, mensaxes de suplantación de empresas de transporte ou enganos relacionados co Black Friday que se celebra este venres 28. Explicarase como actuar ante unha sospeita e que pasos seguir no caso de ser vítima dunha destas trampas.
Por último, ofrecerase unha guía sinxela para avaliar a seguridade de xoguetes intelixentes, reloxos, altavoces ou outros dispositivos conectados, afondando nos permisos, conexións e datos que poden recoller. A actividade pretende, en conxunto, facilitarlle á veciñanza coñecementos para mellorar os seus hábitos dixitais e gozar dun Nadal máis tranquilo e seguro.
O obradoiro é totalmente gratuito e para participar nel hai que apuntarse enviando un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal ou chamando/”whatsappeando” ao 616 016 793.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.