• Destaca que se trata dun dos poucos espazos de ocio ao aire libre con sombra da Trisca e San Pedro e denuncia falta de mantemento
• Rosón insiste ademais que se axilicen os trámites para a creación do Foro que debe xestionar o recadado pola taxa turística logo dun encontro coa AAVV A Xuntanza
Mila Castro levará ao pleno deste xoves unha iniciativa para que se inicien os traballos para acometer unha rehabilitación integral do parque da Trisca, co horizonte temporal de que os traballos estean finalizados o vindeiro ano. A concelleira non adscrita reclama que se incorporen novos elementos de xogo ao tempo que se actúa para executar a rehabilitación integral dos actuais.
“Trátase dun espazo necesitado dunha actuación de remodelación e no que se ten comprobado un abandono en canto ao mantemento diario” explicou Castro lembrando que en xuño deste mesmo ano as familias usuarias do parque tiveron que acometer a limpeza deste espazo. Pide así que se reforce a limpeza habitual do espazo e que se acometa unha “poda selectiva” das especies arbóreas que alí se sitúan, mentres se agarda por esa rehabilitación que permita “unha posta en valor deste espazo de ocio e socialización”.
Gobernanza da taxa turística
A iniciativa das concelleiras non adscritas chega despois dunha xuntanza coa AAVV A Xuntanza na que, ademais de Castro, participaron tamén Gonzalo Muíños e Mercedes Rosón. Precisamente esta última incidiu tamén noutro dos asuntos tratados na xuntanza: a gobernanza da taxa turística. Rosón reclama axilidade na constitución do Foro participativo encargado de xestionar o ingresado polo imposto de estadías turísticas, lamentando que “en todo este tempo o goberno local aínda non se puxera en contacto coas asociacións veciñais das zonas que máis presión turística soportan” como é o caso de San Pedro.
A concelleira non adscrita reclama que se acelere na constitución dese Foro e pide ademais reforzar a presenza da veciñanza no órgano: “debe haber un peso equilibrado entre sector e cidadanía, sobre todo porque estamos falando dunha taxa que debe servir para garantir a sustentabilidade do modelo turístico sen que nos custe calidade de vida ás persoas que vivimos aquí”. Así, as concelleiras non adscritas reclaman que se reforce a presencia da cidadanía, incluíndo ademais das seis persoas representantes elixidas do Consello de Relacións Veciñais xa previstas, representantes dos barrios con maior presión turística “como a cidade histórica, Galeras ou o propio San Pedro”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.