Coincidindo coa conmemoración do seu aniversario, o Museo do Humor Xaquín Marín presentou este luns a unidade didáctica Mal! pero de humor ben, impulsada pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Xunta de Galicia, a través do programa de axudas destinadas a centros museísticos da comunidade autónoma 2025. A responsable do Museo do Humor, Almudena Marcos, e o debuxante de bd e director de Demo Editorial, Manel Cráneo, foron os encargados de presentar a publicación nun acto no que tamén participaron a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy e o fundador do Museo do Humor, Xaquín Marín (ao que se sorprendeu desvelándoselle no acto que o protagonista da obra era él mesmo, transformado en personaxe de cómic).
O título da obra, segundo explicou Almudena Marcos, fai referencia á típica contestación que dá Xaquín Marín cando se lle pregunta como vai ou que tal está. A publicación consta de 16 páxinas a toda cor e aborda en ton desenfadado e divertido diversos temas como a definición de humor gráfico; os tipos de humor que existen ou as temáticas que se adoitan empregar no humor gráfico.
“Cando recibín este encargo -afirmou Manel Cráneo- a miña intención foi convertir a unidade didáctica nunha especie de visita guiada polo museo onde Xaquín é o anfitrión, pero tentei facelo de xeito ameno; que os rapaces non sintan que se lles está ensinando algo senón que o están a pasar ben facendo unha serie de actividades desde unha perspectiva absolutamente lúdica”.
En Mal, pero de humor ben, Xaquín Marín é un debuxante xubilado que fala de cousas da profesión que lle deu de comer ao tempo que fai comentarios en ton de humor sobre a situación da terceira idade e a condición de estar xubilado. E, acompañando as súas reflexións, aparecen viñetas de Isolino e Gaspariño, a modo de exemplo; pasatempos relacionados co mundo do humor gráfico e a creación de viñetas; exercizos prácticos de escritura e debuxo para poñer a proba a destreza dos lectores na arte de facer humor; humor gráfico, caricatura e banda deseñada; e explicacións sobre como como facer unha viñeta de humor.
Para Manel Cráneo, “o medo máis grande que tiña era ver a cara de Xaquín Marín cando descubrira a unidade didáctica porque, aínda que me gusta moito este xénero, eu non son un bo caricaturista, Entón o que fixen foi tentar idealizar a Xaquín, conservando algúns dos seus rasgos máis representativos como ese marabilloso pelo que ten. E o fixen descalzo en alusión a aquelas míticas viñetas dos pés que esmagan que facía Xaquín”.
Unha vez desvelada a sorpresa, o fundador do Museo do Humor comentou que non tiña nin idea de que ía ser o protagonista da publicación e, bromeamento, agradeceu “esta ocasión de lucimento bestial que se me brindou”.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.