A alcaldesa, Sandra Permuy, puxo o foco na responsabilidade colectiva para erradicar violencia machista
A programación continuará mañá coa proxección do filme “Prefiro condenarme” e un coloquio co equipo técnico
O Concello de Fene celebrou esta mañá o acto central do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, no que se inaugurou unha emotiva instalación artística composta por mil flores lilas de gancho, elaboradas durante semanas por veciñas do municipio. A obra, situada na Casa do Concello, converteuse nun símbolo colectivo de apoio, resistencia e memoria para todas as mulleres que sofren ou sufriron violencia machista.
Durante o acto, a alcaldesa Sandra Permuy deu lectura ao manifesto institucional, no que fixo un chamamento á unidade social e institucional para combater todas as formas de violencia contra as mulleres. “Non abonda con lembrar esta data; temos a obriga de actuar cada día, desde todos os ámbitos da sociedade, para garantir unha vida libre e segura para todas as mulleres”, recalcou Permuy perante o público asistente.
A alcaldesa tamén agradeceu o traballo das “mulleres do gancho” que fixeron posible a instalación, destacando que “estas mil flores son unha mensaxe poderosa: en Fene non imos calar, imos seguir tecendo igualdade, apoio e conciencia colectiva”.
A programación continúa mañá coa proxección de “Prefiro condenarme”
O Concello lembrou que a programación polo 25N continúa mañá, mércores 26 de novembro, coa proxección do filme “Prefiro condenarme” ás 17:00 horas na Casa da Cultura, con entrada libre. O pase contará coa presenza do equipo de dirección, e estará seguido dun café-coloquio no que o público poderá intercambiar impresións cos cineastas.
Protagonizada por Mónica Caamaño, Melania Cruz e Iria Pinheiro, a obra relata a historia real dunha mariscadora fenesa sometida a un xuízo por adulterio nos anos 70, converténdose nun retrato contundente sobre desigualdade, resistencia e memoria das mulleres comúns nun sistema patriarcal.
O Concello de Fene anima á veciñanza a participar nas actividades e manter vivo o compromiso contra todas as violencias machistas.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.