· A actuación conta cun orzamento de 315.538,22 euros e está financiada a través do Plan Único da Deputación da Coruña.
· O proxecto transformará as actuais pistas asfaltadas nunha rúa residencial, priorizando a seguridade peonil e o benestar da comunidade educativa.
O Concello de Bergondo levará este xoves, 27 de novembro, a pleno a aprobación do Plan Único Adicional da Deputación dá Coruña, que inclúe un proxecto para a construción dunha contorna escolar segura e saudable na zona da Escola Infantil Municipal de Guísamo
A actuación, destinada a mellorar a accesibilidade, a mobilidade peonil e a calidade do espazo público para nenas, nenos, familias e veciñanza, conta cun orzamento total de 315.538,22 euros. O obxectivo é converter as actuais pistas asfaltadas nunha rúa residencial, creando unha contorna máis segura para a comunidade educativa e para o resto de veciños e veciñas da área, así como para a parroquia e a súa igrexa.
A intervención supón a creación dunha plataforma única, cun ancho variable de entre 4 e 6 metros, que permitirá configurar a rúa en sentido único e mesmo habilitar zonas completamente peonís. Esta solución busca xerar unha contorna de tráfico acougado, onde desaparecen os carrís de circulación definidos, favorecendo cambios de comportamento e priorizando a presenza peonil.
O deseño do novo espazo inclúe unha serie de melloras integrais: un novo firme combinado con pavimento de lastra prefabricada e laxas de granito, que achegará seguridade e unha estética acorde coa zona; pavimentación e ordenación da parcela destinada a aparcamento; axardinamento da contorna; renovación da iluminación pública; soterramento das liñas telefónicas existentes; rehabilitación do lavadoiro tradicional, actualmente en mal estado, recuperando un elemento patrimonial de valor para a comunidade.
Desde o goberno local sinalan que este proxecto “responde á necesidade de crear espazos seguros ao redor dos centros educativos, reducindo o tráfico e fomentando unha mobilidade máis accesible e humana”.
Engaden que “a actuación beneficiará non só ás familias da Escola Infantil Municipal, senón tamén ao conxunto da parroquia de Guísamo”.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.