A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, foi a encargada de presentar este luns no Museo do Humor Xaquín Marín as bases do IV concurso de Bd de Humor Demo Pequeno, un certame que, segundo explicou, “naceu co obxectivo de fomentar a creatividade, apoiar o talento novo e reivindicar o humor como unha ferramenta indispensable para comprender o mundo e para transformalo”. Neste acto, no que tamén se presentaba a unidade didáctica do Museo “Mal! Pero de humor ben”, a primeira rexedora fenesa estivo acompañado polo debuxante e director de Demo Editorial, Manel Cráneo, coautor do cartel do certame xunto co seu fillo Roque Show,
O concurso, para o que xa está aberto o prazo de inscrición, vai dirixido a mozos e mozas de 8 a 16 anos que poderán presentarse a título individual ou por equipos de dúas persoas (unha como guionista e outra coma debuxante), nas seguintes categorías:
• Infantil: de 8 a 11 anos
• Xuvenil: de 12 a 16 anos
Nesta cuarta edición do certame, a alcaldesa de Fene explicou que os/as participantes deberán presentar unha historia curta de banda deseñada ou tira cómica, con enfoque humorístico e temática centrada no cambio climático. Así, poderán falar das súas causas; consecuencias; de accións positivas para poñerlle freo; ou de situacións absurdas ou cómicas que xurdan do que lle está pasando ao noso planeta.
As obras poderán presentarse físicamente (enviándoas por correo postal ao Museo do Humor) ou por correo electrónico (ao enderezo que se especifica nas bases) tendo en conta que: deberán ser inéditas e orixinais; se inclúen texto, deberá estar en galego; e non se permite o emprego de intelixencia artificial (calquera obra creada total ou parcialmente coa axuda de programas ou aplicación de intelixencia artificial quedará automáticamente excluida do certame).
En canto aos premios, nesta edición establécense os seguintes:
Na categoría Infantil (de 8 a 11 anos)
• 1º Premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75€ e diploma.
• 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 50€ e diploma.
E na categoría Xuvenil (de 12 a 16 anos)
• 1º Premio, dotado con 150 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 100€ e diploma
• 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75 € e diploma.
O prazo de presentación de obras finalizará o 18 de maio (Día dos Museos) de 2026 e o fallo do xurado, ao que nesta edición se suman os debuxantes Alberto Taracido e Paula Esteban, darase a coñecer o 12 de xuño.
No peche da súa intervención, Sandra Permuy animou ás mozas e mozos galegos a participar no IV concurso de banda deseñada de humor Demo Pequeno, “a experimentar co debuxo, e a crear as súas propias viñetas, deixándonos ver o mundo a través dos seus ollos”. Pola súa banda, o director de Demo Editorial animou a fomentar o debuxo entre as novas xeracións xa que “cada hora que un rapaz ou unha rapaza está debuxando é unha hora menos que está diante dunha pantalla”. Por iso, concluiu Manel Cráneo, “concursos coma este que potencien que os nosos fillos e fillas sexan creativos e estean enriba dun papel pensando nunha idea, sempre serán positivos e aportarán algo bo á sociedade”.
Organiza: Museo do Humor Xaquín Marín (Concellería de Cultura de Fene) e Demo Editorial



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.