O primeiro episodio terá lugar o 27 de novembro, ás 19.00 h, cun encontro sobre o uso e abuso do xogo en liña
O creador de contidos Champi Muros (Santiago Caamaño) conversará co tamén creador Oveyanejra (Ángel Currás), coa participación de Agalure como entidade experta en prevención de condutas adictivas
O Concello da Coruña pon en marcha “Fóra de Guión”, un novo proxecto de podcast en directo con público e gravación profesional dirixido á mocidade de entre 12 e 30 anos, que busca crear espazos de reflexión, participación e aprendizaxe sobre temas de relevancia social. O formato combinará entrevistas, dinámicas interactivas e participación tanto presencial como dixital, cunha periodicidade trimestral ao longo de 2026.
O primeiro episodio, dedicado ao xogo en liña e ás súas fronteiras entre ocio, abuso e adicción, celebrarase o 27 de novembro nas Naves do Metrosidero nun acto aberto ao público. Oveyanejra exercerá como condutor e entrevistador, abrindo unha conversa próxima coa mocidade asistente, mentres Santiago “Champi Muros” compartirá a súa experiencia persoal e o impacto que o xogo tivo na súa traxectoria vital e profesional.
Agalure achegará a visión técnica sobre prevención e tratamento das condutas adictivas, guiando tamén o debate co público.
“Este novo espazo de diálogo e reflexión demostra que as institucións tamén podemos conectar coa mocidade desde os seus formatos e linguaxes, falando de temas complexos con honestidade, rigor e cercanía”, salientou a alcaldesa, Inés Rey, quen incidiu na aposta do Goberno local por “ofrecer alternativas de lecer responsables que fomenten o pensamento crítico fronte ás mensaxes simplificadas ou enganosas que moitas veces circulan nas redes”.
Ao longo de 2026, “Fóra de Guion” continuará abordando cuestións como o bullying, os consumos de substancias, o benestar dixital ou a igualdade de xénero, cun enfoque dinámico, participativo e inclusivo. En cada episodio combinaranse testimonios persoais, experiencias profesionais e propostas de cambio, coa presenza de persoas convidadas recoñecidas, influencers e entidades especializadas da cidade.
Cada sesión incluirá unha sección interactiva con xogos, enquisas e preguntas en directo, que se complementará coa difusión posterior de clips en Instagram, TikTok e YouTube, construíndo unha biblioteca de contidos para campañas municipais. O ciclo pecharase cunha sesión especial sobre ética e influencia nas redes, na que varios creadores e creadoras de contido reflexionarán sobre o impacto real das súas mensaxes e o papel que desempeñan como referentes comunicativos para a mocidade.
A entrada ao evento será libre ata completar aforo. As persoas asistentes, ao remate da gravación, poderán achegarse ás persoas convidadas e ás entidades colaboradoras para compartir impresións, formular preguntas e manter un contacto máis directo.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.