O prazo para presentar as solicitudes xa está aberto
O Concello de Ribeira informa da publicación da nova convocatoria de subvencións destinadas a fomentar, apoiar e impulsar as actividades desenvolvidas por entidades sen ánimo de lucro existentes no municipio no eido da acción social, concretamente, ás asociacións de maiores.
Os obxectivos estratéxicos de dita convocatoria son contribuír a promover a iniciativa social sen ánimo de lucro, corrixir déficits na
cobertura e prestación de servizos sociais, e apoiar a existencia dunha programación de actividades orientadas ao colectivo de maiores, artellada por entidades onde a Administración local represente un papel secundario.
Poderán ser subvencionadas, ata un máximo do 50% do gasto acreditado, a organización de proxectos, actividades ou servizos para a dinamización, a participación social e a mellora da calidade de vida das persoas maiores e persoas con diversidade funcional; accións de promoción de estilos de vida saudables; e accións ou programas tales como cursos, viaxes culturais, obradoiros, celebración e conmemoración de festas tradicionais, e outras similares.
O prazo de presentación das solicitudes é dun mes dende o día seguinte ao da publicación de dita convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), do 18 de novembro de 2025.
Deberase formalizar de maneira telemática xunto coa instancia xeral e demais documentación na sede electrónica municipal.
As bases e os anexos a cubrir están dispoñibles na páxina web municipal www.ribeira.gal. Tamén poden resolver dúbidas no propio Departamento de Servizos Sociais Comunitarios.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.