Tuesday 25 de November de 2025

BNG e PSdeG lamentan que PP e PBBI bloqueen a creación de 40 prazas de aparcamento gratuíto e medidas de seguridade viaria en Ribeira


Os grupos municipais do BNG e do PSdeG-PSOE lamentan que PP e PBBI votasen en contra da iniciativa presentada no Pleno para non paralizar o plan de mellora da seguridade viaria e da mobilidade en Ribeira que estaba previsto realizar. A negativa destes dous grupos impide avanzar nun conxunto de actuacións indispensables para protexer ás persoas peóns, ordenar o tráfico e crear ata 40 novas prazas de estacionamento gratuíto no barrio das Avesadas.

A proposta debatida tiña por obxectivo recuperar proxectos xa iniciados antes da moción de censura, que ían realizarse neste último trimestre de 2025 e que contaban con informes técnicos e policiais favorables. Entre eles, destacaba a remodelación da rúa Estatuto, que incluía o seu cambio a sentido único para permitir ampliar beirarrúas estreitas, mellorar a circulación e habilitar preto de vinte novas prazas de estacionamento. A isto sumábanse outras vinte prazas mediante o pintado do estacionamento disuasorio pavimentado das Avesadas.

BNG e PSdeG lembran que estas actuacións forman parte dun plan integral de mobilidade segura posto en marcha no goberno, que incluía tamén a mellora da pintura horizontal, a reforza da sinalización e a iluminación dos pasos de peóns, especialmente nas zonas con maior risco de atropelo. Os grupos municipais consideran incomprensible que PP e PBBI se opoñan a medidas avaladas pola Policía Local e reclamadas pola veciñanza.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, lamentou que “o bloqueo de PP e PBBI impida e atrase actuacións que xa estaban encamiñadas e que son de sentido común. Ribeira necesita avanzar cara a un modelo de mobilidade seguro e centrado nas persoas, non quedar paralizada por decisións políticas sen fundamento, tan só por rivalidade”.

Pola súa banda, o voceiro socialista, Francisco Suárez-Puerta, advertiu que coa negativa “perde a veciñanza, perde o barrio das Avesadas e perde a contorna do parque infantil e do colexio Galaxia, onde estas melloras serían especialmente beneficiosas”.

Ambos grupos conclúen que a postura de PP e PBBI supón un freo innecesario ao progreso de Ribeira, impedindo actuacións que mellorarían a seguridade viaria, aumentarían a accesibilidade e ampliarían a oferta de estacionamento gratuíto nun momento no que é máis necesario ca nunca.

A iniciativa foi apoiada por BNG, PSdeG, 2 edís non adscritos e rexeitada por PP e PBBI

Deja un comentario