O Bloque Nacionalista Galego quere salientar a relevancia dos traballos de exhumación que o Grupo Histagra da USC está a desenvolver na fosa da igrexa de Santa María de Luou, en Teo, onde se atopan os restos de catro galegos asasinados durante a ditadura franquista. Nunha visita recente ao lugar participaron a deputada de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, o exalcalde de Ribeira, Luís Pérez, e as concelleiras nacionalistas Bea Rei de Padrón onde era algún represaliado e Almudena Taboada de Teo onde se realizan as exhumacións. Alí coñeceron de primeira man o avance das intervencións xunto con membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza.
Na fosa atribúense os corpos de Ricardo Fernández Carlés, Florentino Menéndez Palacios, Manuel Agrasar Cajaraville “Barbarroxa” e Vicente López Novo “o fillo da Nova”, todos eles asasinados por formar parte da loita antifranquista. Para o BNG, este proceso representa un paso fundamental para restaurar a verdade histórica e devolver ás familias a dignidade que lles foi arrebatada. Cómpre salientar que en Galiza non houbo guerra senón represión directamente.
Durante a visita, Soledad Agra subliñou que “a recuperación da memoria democrática é unha obriga colectiva. Estas exhumacións permiten sacar á luz a verdade que durante décadas foi ocultada. Honramos ás vítimas e acompañamos ás súas familias, pero tamén enviamos unha mensaxe clara: nunca máis unha sociedade que tolere a represión nin a negación dos dereitos humanos”.
Pola súa banda, Luís Pérez destacou a carga simbólica e emocional deste proceso: “É imposible estar aquí e non sentir a responsabilidade que temos co noso pasado. Estes homes, entre eles un veciño da miña comarca, deron a vida por defender a liberdade. O noso deber é garantir que o seu sacrificio non caia no esquecemento, que nunca volva unha ditadura e que sigamos fortalecendo os nosos dereitos democráticos”.
O BNG reiterou o seu compromiso coa defensa da memoria histórica e apelou ás institucións a manter e ampliar os recursos destinados á investigación, exhumación e dignificación das vítimas da represión. O Bloque considera que só unha sociedade que coñece a verdade do seu pasado pode construír un futuro plenamente democrático, xusto e libre de ameazas autoritarias.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.