Wednesday 26 de November de 2025

Ángeles Vázquez salienta as políticas ambientais como un investimento na calidade de vida da cidadanía


— Subliña que medio ambiente e saúde son un binomio inseparable xa que un sistema sanitario moderno, eficiente e sostible só pode desenvolverse nun territorio san, protexido e ben xestionado

— Incide na avaliación ambiental como unha ferramenta de saúde pública xa que antes de autorizar calquera proxecto, os técnicos analizan minuciosamente como vai afectar ao aire, á auga, ao ruído, ao solo e á biodiversidade, entre outras cuestións

— Asevera que só se autorizan proxectos compatibles co medio ambiente e coa saúde das galegas e dos galegos aplicando, con rigor, a lexislación ambiental europea, que é a máis exixente do mundo

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe as políticas ambientais da Xunta como un investimento na calidade de vida da cidadanía no marco da súa intervención na Xornada de sostibilidade medioambiental e innovación en saúde, que se celebrou no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Durante o seu relatorio Políticas ambientais ao servizo da saúde, a conselleira subliñou que medio ambiente e saúde son un “binomio inseparable” xa que un sistema sanitario moderno, eficiente e sostible só pode desenvolverse nun territorio san, protexido e ben xestionado. De feito, a Axenda 2030 reforza a necesidade de actuar sobre os factores ambientais para acadar unha vida sa.

Nesa liña, Ángeles Vázquez puxo en valor os bos datos de Galicia ao respecto cunha calidade do aire moi favorable, unhas augas de baño que figuran entre as mellores de Europa, unhas baixas emisións industriais e unha depuración urbana más eficaz que a media estatal.

E, segundo indicou a representante autonómica, todo isto é resultado dunhas políticas públicas ben orientadas, da cooperación entre administracións e sectores económicos e tamén da concienciación da cidadanía.

En concreto, no que atinxe á xestión administrativa, a conselleira incidiu na avaliación ambiental como unha “ferramenta de saúde pública”. Así, antes de autorizar calquera proxecto, os técnicos analizan minuciosamente como vai afectar ao aire, á auga, ao ruído, ao solo e á biodiversidade, entre outras cuestións. “E facémolo cunha idea moi clara: mellor previr que corrixir”, engadiu Ángeles Vázquez.

Nese senso, a conselleira aseverou que só se autorizan proxectos compatibles co medio ambiente e coa saúde das galegas e dos galegos aplicando, con rigor, a lexislación ambiental europea, que é a máis exixente do mundo. De feito, a avaliación ambiental autonómica revisa tanto grandes iniciativas industriais como un parque eólico, un cambio de uso do solo ou unha autorización dunha explotación agrogandeira.

A maiores, a conselleira incidiu no labor que realiza a Administración autonómica para preservar a calidade das augas da Comunidade, xa que, ademais do seu valor ecolóxico, tamén afecta directamente á saúde das persoas e a sectores clave como a pesca e o marisqueo. Polo tanto, Augas de Galicia traballa na modernización das infraestruturas de depuración para garantir un correcto tratamento das augas residuais, no control rigoroso dos vertidos para protexer os ecosistemas fluviais e mariños, e na cooperación coas administracións locais para optimizar a xestión da auga.

Por outra banda, Ángeles Vázquez tamén fixo fincapé na importancia de facer un correcto tratamento dos residuos. E no caso concreto dos sanitarios, salientou, entre outras cuestións, o desenvolvemento de modelos tipo para os plans de xestión nos centros garantindo que todos sigan os mesmos criterios e boas prácticas, a organización de xornadas formativas ou a elaboración de guías de xestión de residuos sanitarios.

Deja un comentario