Wednesday 26 de November de 2025

Conta atrás para o inicio das obras de urbanización da praza José María Hernansáez, no Castrillón, que comezarán na segunda semana de decembro


O Concello destina un millón de euros á intervención, que permitirá adaptar este espazo, degradado e sen acondicionar, para crear novos percorridos peonís, mellorar a accesibilidade e sumar áreas verdes

A urbanización da praza José María Hernansáez, no Castrillón, comezará na segunda semana de decembro. A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, reuniuse esta mañá con representantes veciñais do barrio para avanzar o calendario de actuacións previsto nos vindeiros días.

A recuperación deste espazo, que forma parte dos compromisos asumidos polo Goberno de Inés Rey coa veciñanza do distrito, foi consensuada coas persoas residentes no primeiro semestre deste ano, co obxectivo de adecuar a intervención ás súas necesidades, especialmente en materia de accesibilidade universal, un aspecto que se tivo moi en conta na planificación dos traballos, xa que o Castrillón, ademais de pola súa orografía e fortes pendentes, tamén é un dos barrios que conta con máis veciños e veciñas en idades avanzadas.

Neste sentido, o Concello investirá un millón de euros para transformar o soar de José María Hernansáez —un espazo degradado e actualmente sen acondicionar— nunha praza que contará con novos percorridos peonís, espazos de lecer e áreas verdes. “Será un cambio substancial, que permitirá gañar unha superficie pública de calidade e responderá a unha das demandas históricas do Castrillón”, indicou Díaz.

A concelleira precisou que nos vindeiros días está previsto asinar a acta de traza dos traballos, paso preceptivo ao inicio dos ditos traballos. A empresa adxudicataria das obras, Jardinería Arce, estará xa sobre o terreo nos primeiros días de decembro, cando se iniciarán as tarefas topográficas e de marcado de servizos, habituais nestes casos antes de abrir camiño ás actuacións máis visibles.

En paralelo, avanzan as obras de urbanización doutro soar en Antonio Ríos

A poucos días de que comecen os traballos en José María Hernansáez, e a moi pouca distancia de alí, o Concello avanza tamén coas melloras en execución no soar existente entre as rúas Cerca e Antonio Ríos, que se está a urbanizar parcialmente —un sector da parcela ten dereitos de edificación— para crear unha pequena praza que incluirá mobiliario urbano e arboredo.

Ademais, na contorna deste espazo construirase un novo treito de beirarrúa —inexistente ata agora arredor do soar— que permitirá mellorar a accesibilidade peonil entre a Cerca e Antonio Ríos.

Deja un comentario