― A delegada da Xunta visitou as zonas que se arranxarán nesta estrada para garantir a súa funcionalidade e seguridade viaria
― A Xunta realizará un investimento histórico no 2026 de 71,6M€ que se destinará á conservación e mellora da rede autonómica —3 M€ máis que en 2025—, dos cales 27M€ irán a reforzos de firme e conservación extraordinaria.
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Outes, Francisco Calo e pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitaron, esta mañá, a zona na que se están a realizar as obras de reposición do firme na estrada autonómica AC-196, que atravesa os concellos de Outes e Noia.
A delegada subliñou que esta actuación supón un investimento de ao redor de 400.000 euros, un esforzo que —segundo destacou— “reflicte o compromiso da Xunta coa mellora continua da rede viaria autonómica e coa seguridade viaria na comarca”.
A vía, na que se está actuando, conta cunha lonxitude total de algo máis de 4,4 quilómetros, que transcorre polos concellos de Outes e Noia. A actuación permite mellorar de maneira significativa o estado do pavimento e garantir unha circulación máis cómoda e segura para os usuarios.
Segundo explicou a delegada, os traballos inclúen a rehabilitación integral do firme, mediante o estendido dunha nova capa de mestura bituminosa en quente nos treitos que presentan deficiencias. De forma previa, executarase unha regularización da capa actual co fin de asegurar un comportamento óptimo da estrada a longo prazo.
As obras comenzaron este pasado luns e contan cunha duración estimada dunha semana, sempre condicionada polas condicións meteorolóxicas.
A representante do Goberno autonómico subliñou que, nos orzamentos do 2026, realizarase un investimento histórico de 71,6M€ que se destinará á conservación e mellora da rede autonómica —3 M€ máis que en 2025—, dos cales 27M€ irán a reforzos de firme e conservación extraordinaria.
Belén do Campo concluíu destacando que este tipo de intervencións “contribúen a reforzar a mobilidade diaria, o acceso aos servizos e a calidade de vida das veciñas e veciños de Outes e Noia, garantindo estradas máis seguras e en mellores condicións”




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.