Wednesday 26 de November de 2025

O Concello culmina a implantación da App Comercio Seguro nas rúas Ramón Cabanillas e Ángel Senra, coa maioría dos negocios adheridos


O programa continuará a súa expansión na rúa Real, un dos principais eixos comerciais da cidade

O plan municipal pasa tamén pola implantación na Sagrada Familia, dando continuidade á Rolda Peonil en varios de cuxos tramos xa está activa

O Concello da Coruña vén de completar a implantación da App Comercio Seguro nas rúas Ramón Cabanillas e Ángel Senra, no barrio dos Mallos. A iniciativa, que permite unha comunicación directa e en tempo real entre os establecementos comerciais e a Policía Local mediante unha aplicación para móbiles, continúa a súa expansión e terá como seguinte destino a rúa Real, un dos principais eixos comerciais da cidade.

No marco desta nova fase, a concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montse Paz, visitou hoxe algúns dos comercios adheridos para coñecer de primeira man a valoración do sector sobre esta ferramenta pioneira.

Durante a visita, a concelleira estivo acompañada por comerciantes da zona, como Alba Balsa, presidenta do Centro Comercial Aberto Distrito Mallos, que destacou “a tranquilidade que dá saber que hai unha conexión directa coa Policía Local e que hai unha preocupación real polo pequeno comercio”. Pola súa banda, Elisa Gerpe, propietaria dunha floristería, sinalou que “é unha aplicación moi fácil de usar que dá seguridade e permite comunicarse con rapidez cos axentes”.

Nas dúas rúas recentemente incorporadas, sumáronse 42 locais. Son a maioría dos rexistrados en dúas vías nas que a suma total dos comercios é de 47.

A App Comercio Seguro foi impulsada polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de reforzar a seguridade preventiva nos establecementos, ofrecendo unha vía de comunicación áxil co 092 e permitindo a activación rápida dos recursos policiais en caso de ser necesario. Desde o inicio do programa, rexistráronse só dúas incidencias, ambas resoltas con éxito, o que evidencia tamén o seu efecto disuasorio.

A iniciativa comezou como proxecto piloto nas rúas Barcelona e Alcalde Marchesi, estendéndose posteriormente á prolongación da rúa Barcelona, á rúa da Gaiteira e as súas transversais, e agora ao barrio dos Mallos, sumando un total de 132 locais adheridos en toda a cidade.

O Concello ten como obxectivo que esta ferramenta chegue tamén á rúa Sagrada Familia dando continuidade á cobertura na Rolda Peonil, unha arteria impulsada por Inés Rey desde o anterior mandato e que agora incorpora tamén un modelo de seguridade cidadá baseado na tecnoloxía, na prevención e na proximidade cos barrios.

A seguinte fase de implantación desenvolverase na rúa Real, onde se activará unha nova campaña informativa co comercio local para facilitar a adhesión e posta en funcionamento da aplicación.

Deja un comentario