Wednesday 26 de November de 2025

O Consello de Docencia Clínica ratifica o acordo para a descentralización de medicina en Galicia


— Os conselleiros de Educación e de Sanidade celebran o consenso acadado arredor dun documento con visión de país que beneficia aos estudantes e aos hospitais

Ábrense novas oportunidades para que máis profesionais sanitarios de Vigo e A Coruña e os profesores das súas universidades participen na formación dos futuros médicos

Os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participaron esta mañá na reunión do Consello para a coordinación da docencia clínica en Galicia, onde se ratificou o acordo para a descentralización do grao en Medicina. Ambos celebraron o consenso acadado arredor dun documento con visión de país, que beneficia aos estudantes desta titulación e que abre novas oportunidades para acadar altas cotas de excelencia tanto nas tres universidades públicas como nos hospitais de Santiago, Vigo e A Coruña.

Todas as partes coincidiron na necesidade de avanzar na descentralización do grao en Medicina, o de maior número de prazas de nova admisión de Galicia, como a mellor opción para aproveitar todas as capacidades tanto do Sistema Universitario de Galicia como do SERGAS á hora de formar aos futuros médicos.

Para iso, o calendario do acordo establece a descentralización progresiva da docencia, tanto teórica como práctica, de 4º, 5º e 6º curso do grao en Medicina. Desde xeito, ao remate da aplicación do acordo, no curso 2028/29, os tres últimos cursos do grao en Medicina impartiranse ao completo nas cidades de Santiago, Vigo e A Coruña.

Isto abre a posibilidade para que calquera dos profesionais dos hospitais galegos, particularmente os que conten coa acreditación preceptiva para ocupar prazas de profesorado universitario, poida acceder a prazas vinculadas das universidades galegas e así contribuír decisivamente á formación dos profesionais da Medicina. Favorécese, así mesmo, a participación na docencia desta titulación do profesorado das universidades da Coruña e Vigo relacionado coas áreas de coñecemento propias do grao de Medicina.

Tras a súa ratificación hoxe, o documento deberá ser tramitado a nivel interno polas tres universidades para, a continuación, ser asinado.

Deja un comentario