Wednesday 26 de November de 2025

O Rocódromo de Riazor acolle este sábado a competición galega de Escalada de Velocidade ‘Cidade da Coruña’


O evento reunirá a 45 deportistas das categorías infantil, cadete, xuvenil e absoluta, e contará coa participación do internacional Erik Noya

O Polideportivo de Riazor será o escenario este sábado, 22 de novembro, da competición galega de Escalada de Velocidade “Cidade da Coruña”, organizada pola Federación Galega de Montañismo en colaboración co Concello da Coruña.

O evento, que dará comezo ás 10:00 h coas roldas clasificatorias, reunirá a 45 escaladores e escaladoras das categorías infantil, cadete, xuvenil e absoluta, tanto en modalidade masculina como feminina. As finais disputaranse a partir das 13:00 h e a cerimonia de entrega de premios terá lugar ás 13:30 h.

Entre os participantes destaca a presenza de Erik Noya Cardona, deportista galego de referencia a nivel internacional que compite regularmente nos campionatos de Europa e do Mundo. A cita contará tamén coa participación de dúas das promesas da escalada galega en categoría U-17: Nora García e Iván Pacios, que seguen a consolidarse como talentos emerxentes deste deporte.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, salientou que “A Coruña segue a posicionarse como un referente en deportes emerxentes como a escalada, o que reflicte o compromiso do Goberno de Inés Rey co deporte base e coa posta en valor das nosas instalacións deportivas”.

O Concello da Coruña continúa apoiando a celebración de grandes eventos deportivos que contribúen a dinamizar a cidade e fomentar hábitos de vida saudables. O Rocódromo de Riazor, recentemente reformado, é hoxe un espazo de referencia en Galicia ao contar co único muro de velocidade homologado e dotado de sistema de cronometraxe oficial. A entrada ao evento será libre e gratuíta ata completar aforo.

Deja un comentario