Os alumnos e alumnas que ten a Universidade Sénior en Carballo achegaranse á Educación para a saúde desde o exercicio terapéutico a través da clase maxistral que impartirá a profesora da UDC Isabel Raposo Vidal. O programa inicial modifícase e amplíase, polo tanto, con esta nova sesión, que se celebrará o martes 25 de novembro ás 18.00 horas, e ao seu remate procederase á entrega de diplomas ás cen persoas que asistiron regularmente.
Pero non será a última actividade do curso, xa que ao día seguinte, o mércores 26, o alumnado da Universidade Sénior gozará dunha xornada cultural na Coruña. Dado o elevado número de participantes, haberá dúas quendas, unha pola mañá e outra pola tarde, pero en ámbolos dous casos o programa inclúe unha visita ao Castro de Elviña e outra ao Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, no castelo de San Antón.
Nesta cuarta edición da Universidade Sénior matriculáronse un total de 109 persoas, a capacidade máxima do auditorio do Fórum Carballo. A iniciativa desenvolveuse ao longo dos meses de outubro e novembro, coa participación do profesorado da UDC. Victoria de León Sanjuán, Elena Martín Cancela, Manuel Gómez Suárez, Sergio Rodríguez Roiloa, Gloria M! González Fortes, Álvaro Michelena Grandío, Luis Saleta Canosa, Carlos Freire Rodríguez e Salvador Fojón Polanco ofreceron interesantísimos relatorios sobre temas como o cinema, a orixe dos libros, os cómics, o ADN, a Intelixencia Artificial, as bio-invasións, o cambio climático, as enfermidades cardiovasculares ou o benestar psicolóxico.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.