— As propostas ‘Retratos do escuro’, ‘Dúas señores – Videoclip’ e ‘Maronda’ escolléronse na final desta disciplina celebrada na Cidade da Cultura
— A directora xeral de Xuventude reafirma “o compromiso deste certame co talento mozo galego que non deixa de abraiarnos”
— A gala de entrega de premios desta edición, que consta de 16 especialidades, celebrarase o vindeiro 19 de decembro
Os proxectos Retratos do escuro, de Fabiola Quintela, Dúas señoras-Videoclip de Luján Monteiro e Maronda, de Blanca Navarrete e Antía Rodeiro resultaron ganadores na categoría de videocreación do Xuventude Crea 2025. Así, se deu a coñecer na final celebrada hoxe na Cidade da Cultura á que asistiu a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, e na que, ademais, se proxectaron as obras finalistas e se celebrou un coloquio.
Neste senso, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebrou “o grande talento que presenta a nosa mocidade” e fixo fincapé “no compromiso do Goberno galego con darlle pulo e poñelo en valor”.
Así, a primeira gañadora foi Fabiola Quintela, de Vigo, con Retratos do escuro, un proxecto no que busca, usando o autorretrato como ferramenta, explorar a relación entre corpo, feminidade, inconsciente e natureza, xerando imaxes que evocan o arquetipo de “muller salvaxe”. Dialoga cunha liñaxe de creadoras, como Kiki Smith ou Leonora Carrington, que empregaron a linguaxe simbólica para construír novos imaxinarios arredor da identidade e do corpo en transformación.
A continuación recoñeceuse a obra Dúas señoras – Videoclip, de Luján Monteiro, do Porriño, unha obra na que dúas amigas están traballando para levar os alimentos á mesa do furancho no que se reunirán despois da faena.
Pola súa banda, Blanca Navarrete e Antía Rodeiro, de Cambre, resultaron gañadoras por Maronda, unha peza que combina palabra, música, danza, material de arquivo e animacións para construír un relato íntimo e sensorial que reivindica a necesidade de representación LGBTIQ+ na literatura.
A videocreación é unha das 16 especialidades que compoñen a convocatoria do Xuventude Crea, que segue a consolidar a súa alta participación, volvendo rexistrar ao redor de 600 persoas inscritas este ano. A iniciativa chega á súa décimo sexta edición sendo un programa consolidado e con moi boa reputación no eido cultural e artístico galego.
Por el terán pasado, coa participación deste 2025, algo máis de 6.000 mozos e mozas, con máis de 4.000 obras e proxectos creativos, e teranse repartido 700 premios cunha dotación que se aproxima a 1M€ en total. A gala final desta décimo sexta edición do certame terá lugar o vindeiro 19 de decembro na Cidade da Cultura.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.