A alcaldesa e a concelleira de Cultura estiveron na presentación
A actividade que busca recadar fondos para a entidade celebrarase no 13 de decembro
O novo Auditorio municipal de Ribeira dará cabida no sábado, 13 de decembro, á gala de Nadal a favor de Cáritas que levará a escena o alumnado de Mimarte. A apertura de portas comezará ás 19.30 horas para asistir a un evento onde non faltará a música e o humor. Na presentación da cita participaron a alcaldesa, María Sampedro; a concelleira de Cultura, Ana Barreiro; o presidente de Cáritas Ribeira, Manuel Mirás; o párroco de Ribeira, Alfonso Mera; e a artista Tania Fuegho, en representación de Mimarte.
Este festival trátase dunha cita xa consolidada no calendario ribeirense de Nadal que une cultura e solidariedade para contribuír ao desenvolvemento da actividade diaria da entidade sen ánimo de lucro dedicada á acción social e caritativa que axuda ás persoas en situación de vulnerabilidade.
Durante a súa intervención, a rexedora referiuse ao “significado especial” desta gala que promove “esa familia que está sempre coa man tendida á hora de axudar, de programar, de educar incluso e sempre o fan dese xeito altruísta e desinteresado.” Así mesmo, a mandataria local quixo apelar á solidariedade da cidadanía e tamén tivo palabras de agradecemento para Mimarte pola súa pegada no mundo cultural.
Para o presidente local de Cáritas, Manuel Mirás, os obxectivos son “concienciar á cidadanía do traballo polos demais e explicar as actividades que levamos a cabo en formación, emprego e axudas cotiás, ademais de agradecer aos colaboradores, socios e doantes pola súa implicación.” Como apuntou, o recadado irá para axudar a financiar proxectos e necesidades diarias de atención á poboación en situación vulnerable.
En canto ao contido da gala, a artista Tania Fuegho sinalou que é o segundo ano que Mimarte se encarga da parte artística da cita, na que non faltará a música e o humor, polo que “creo que a maneira máis bonita de aportar á sociedade é dende a arte, dende a risa.”
Ademais, de invitados especiais non faltará a súa interpretación de Cuento de Navidad, de Charles Dickens, en versión futurista poñendo a mirada no ano 2100. Queren, desta maneira, apelar a “máis humanidade e menos humanoides.”
Adquisición de entradas
Os tíckets poden adquirirse a un prezo simbólico de 5 euros na sede de Cáritas Ribeira (praza de Porta do Sol, a carón da igrexa de Santa Uxía) ou no Espazo Mimarte (na avenida Rosalía de Castro, 54). Ademais, para quen non poida asistir á gala, pero desexe igualmente aportar o seu gran de area á causa, habilítanse 200 tíckets na fila 0.
Como xa é habitual, a gala incluirá un sorteo de tarxetas agasallo doadas polo comercio local; unha iniciativa que reforza a colaboración do tecido comercial coa acción social de Cáritas Diocena na comarca do Barbanza. Neste sorteo tamén se terán en conta os tíckets da fila
0.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.