Tuesday 25 de November de 2025

A Coruña incorpórase ao Consello de Administración da Asociación Internacional de Cidades e Portos (AIVP)


Inés Rey: “O diálogo con outras cidades portuarias permitiranos avanzar con maior ambición e aprendizaxe compartida”

A asemblea Xeral da Asociación Internacional de Cidades e Portos (AIVP) escolleu á cidade da Coruña para formar parte do seu Consello de Administración en substitución da cidade de Marsella durante os vindeiros tres anos.

Durante a celebración da asemblea acordouse que a cidade da Coruña tivese un papel relevante en representación das cidades que forman parte da entidade logo da súa adhesión á rede o pasado mes de setembro.

A asemblea valorou que A Coruña está a vivir un momento decisivo marcado pola transformación da súa fachada marítima e a apertura do porto á cidade. Un proceso histórico que abre unha nova etapa na relación entre o espazo portuario, a contorna urbana e a cidadanía.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou que a cidade da Coruña comparte plenamente os principios que inspiran a Rede de cidades e portos como o intercambio de coñecemento e experiencias sobre o futuro das cidades portuarias, a solidariedade entre territorios, o desenvolvemento sostible e a defensa do interese xeral nos procesos de transformación Cidade-Porto.
“A Coruña debe xogar un papel relevante nesta entidade porque estamos convencidos de que o diálogo con outras cidades portuarias que desenvolveron proxectos similares nos permitirá avanzar con maior ambición e aprendizaxe compartida”, sinalou Inés Rey.

Deja un comentario