Tuesday 25 de November de 2025

O recoñecido arquitecto urbanista José María Ezquiaga presidirá o xurado do concurso de ideas para transformar o Conector Central


O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, anunciou que o recoñecido arquitecto urbanista José Mª Ezquiaga presidirá o xurado do concurso de ideas para a transformación do Conector Central da cidade.

Lestegás interviu o pasado sábado na derradeira xornada do XII Congreso Internacional de Ordenación do Territorio (CIOT), organizado por Fundicat esta semana e no que tamén participou o propio Ezquiaga. O concelleiro participou nunha mesa redonda titulada ‘Rexeneración Urbana e Rexeneración Territorial: o caso de Santiago de Compostela’ e, entre outras cuestións, explicou os obxectivos do concurso de ideas para transformar o Conector Central e avanzou o nome da persoa que presidirá o xurado. Tras a mesa de debate, os membros do congreso fixeron un percorrido pola cidade histórica durante o cal puideron coñecer o propio ámbito do concurso de ideas.

Ezquiaga é Doutor Arquitecto, Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade Politécnica de Madrid (1990), Arquitecto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade Politécnica de Madrid (1979) e Licenciado en Socioloxía e Ciencias Políticas pola Universidade Complutense de Madrid (1981).

É profesor titular de Urbanismo na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade Politécnica de Madrid desde 1995, responsable desde 2016 do Grupo de Investigación “Nuevas Técnicas, Arquitectura, Ciudad” da Universidade Politécnica e foi profesor convidado en numerosas universidades de Europa e América.

Foi Director Xeral de Planificación Urbanística e Concertación da Comunidade de Madrid (1991-95), Director Xeral de Urbanismo (1988-91) e Director de Planeamento do municipio de Madrid (1985-88).

É fundador e dirixe a oficina Ezquiaga Arquitectura Sociedad y Territorio, orientada á planificación territorial e estratégica, á ordenación e o deseño urbanos, á rexeneración de centros históricos e patrimoniais, á vivenda social, infraestruturas, ambiente e procesos de participación pública.

É Presidente da Asociación Española de Técnicos Urbanistas desde 2018 e Vicepresidente da Federación Iberoamericana de Urbanistas.

A súa laureada traxectoria profesional inclúe recoñecementos como o Premio Nacional de Urbanismo (2005) e o Premio Europeo de Urbanismo (2012).

Xurado

O xurado, alén da Presidencia e a Secretaría, estará formado por vocais que inclúen: a xefatura de servizo de Proxectos e Obras; a xefatura de servizo de Planeamento e Xestión Urbanística; un arquitecto ou arquitecta designada polo Consorcio; unha persoa técnica nomeada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta; un arquitecto ou arquitecta nomeada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG); un enxeñeiro ou enxeñeira de Camiños, Canais e Portos a proposta do seu colexio oficial; e outro arquitecto ou arquitecta nomeada polo Concello.

Concurso

O concurso desenvólvese en dúas fases e abrangue un ámbito de máis de 45.000 m2 desde o Campo de San Clemente ata Santa Clara a través da cidade histórica Patrimonio da Humanidade, incluíndo lugares moi importantes como a Praza de Galicia ou a Porta do Camiño. Na súa intervención, Lestegás lembrou que o Concello de ampliou ata o 9 de xaneiro de 2026 o prazo para presentar propostas na primeira fase debido visto o enorme interese suscitado pola convocatoria.

Deja un comentario