Unha vintena de veciños e veciñas nedenses participan dende esta semana nos cursos sobre manexo do smartphone, que impulsa o Concello co apoio da Deputación. A iniciativa, que se prolongará ata a primeira quincena de decembro, busca que os maiores da localidade aproveiten, de forma segura, as posibilidades que ofrecen os seus dispositivos móbiles.
A iniciativa, que contará con varias sesións semanais, arrancaba o luns no local social de Anca e máis no centro cívico da vila. Un primeiro encontro no que, ademais de entregar o material formativo, se avaliou o nivel de coñecemento do alumnado e se resolveron as primeiras dúbidas.
Ao longo das próximas semanas, as persoas participantes explorarán as múltiples posibilidades de comunicación, lecer e facilidades para a realización de xestións que permiten os seus teléfonos intelixentes. Así, por exemplo, aprenderán a realizar vídeo chamadas, a través de WhatsApp e de plataformas como Meet ou Zoom; familiarizarase con ferramentas de información e entretemento, coñecerán como obter o certificado dixital para facer trámites coa administración e manexarán aplicacións de uso frecuente como a app-e-saude.
Os cursiños municipais desenvólvense grazas á axuda provincial para a realización de actividades de envellecemento activo en pequenos municipios coruñeses.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.