Tuesday 25 de November de 2025

A alcaldesa sae ao paso da petición dos alcaldes de Noia e Boiro de prorrogar a campaña


María Sampedro critica que a Deputación da Coruña non tivese en conta aos municipios de máis de 20.000 habitantes para Merca na Vila

 A Administración local ribeirense remitirá unha carta ao ente provincial para que se teña en conta o seu tecido comercial ante unha posible prórroga

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, amósase crítica con que a Deputación da Coruña non tivese en conta aos municipios de máis de 20.000 habitantes para o programa de dinamización comercial Merca na Vila, “para máis inri cando aínda queda crédito dispoñible dos 6 millóns de euros dos que foi dotado o programa. Xa advertimos que o orzamento non se ía dar gastado e agora vemos como os alcaldes de Boiro e Noia solicitan que se prorrogue a campaña.”

Neste senso, a rexedora considera que “esta medida discrimina aos negocios de Ribeira, simplemente por ser un concello que supera o límite de habitantes establecido pola Deputación, se ben o noso tecido comercial tamén é en gran parte pequeno comercio e téñense que enfrontar tódolos días ao reto de estar á fronte dunha pequena superficie, especialmente, agora que estamos no outono-inverno e baixan considerablemente as vendas, exceptuando a campaña de Nadal.”

A isto engade que “por esta mesma razón, non pode ser que haxa municipios limítrofes que estean gozando desta vantaxe, excluíndo aos nosos comerciantes. Xa se nos tiña que ter incluído dende o inicio da campaña.” Por todo o exposto, anuncia que dende o Concello de Ribeira remitirase unha carta formal á Deputación da Coruña solicitando que tamén se teña ao seu tecido comercial ante unha posible prórroga.

Deja un comentario